Suárez Barcia sinalaba este mediodía que “hoxe temos que falar das Catedrais, pero desde un punto de vista positivo, como afortunadamente falamos case sempre desta praia, dado que un dos portais de internet máis importantes a nivel internacional, Tripadvisor, que é un portal web onde todos aqueles usuarios do mundo que queren buscar información de viaxes, de lugares, acoden habitualmente e ten millóns de usuarios, acaba de recoñecer que a praia das Catedrais é a segunda máis bonita de Europa e a sexta mellor do mundo”.

O rexedor indicou que “o que fai un portal de internet que recolle as achegas de millóns de persoas de todo o mundo, que dan as súas opinións sobre as praias máis bonitas do mundo enteiro, é un gozo, un recoñecemento e un orgullo para os veciños e veciñas de Ribadeo, da comarca da Mariña e do noso país que a praia das Catedrais estea neste lugar tan alto”. E engadiu “todo isto a pesar de que por parte da Xunta de Galicia só nos mandaron un triste funcionario o outro día á xuntanza interinstitucional que fixemos entre as diferentes administracións para buscar un plan de uso e xestión da praia das Catedrais; a pesar de que estamos advertindo e clamando no deserto desde hai tempo porque estamos matando a galiña dos ovos de ouro con tantísima xente que chega e que non hai regulación e vamos ter que regular ou chegar a limitar o acceso para non estragar este areal; a pesar do potencial económico que se lle pode sacar para Ribadeo e para A Mariña e a pesar de que desde o Ministerio de Medio Ambiente e desde a Xunta de Galicia é insultante o que estiveron facendo ata o de agora”.

Fernando Suárez agarda que “oxalá este recoñecemento dun portal privado, pero que ten achegas de millóns de usuarios de todo o mundo, xunto coa visita da directora xeral de Natureza e Biodiversidade da Unión Europea, a señora Pía Bucella, sirvan como acicate para que a ver si por fin alguén con sentidiño da Xunta, pero con relevancia política, e do Ministerio de Medio Ambiente, con relevancia tamén política, sexan quen de empezar a cambiar a proa na atención do Estado e da comunidade autónoma neste areal que é de Ribadeo, pero entendo que é patrimonio de todos. Polo tanto todas as administracións deben estar implicadas no coidado, na conservación e na difusión e non soamente o Concello de Ribadeo”.

Tripadvisor sitúa á praia das Catedrais como a máis bonita de todo o Estado.