O rexedor sinalou que “tal e como se compremetera a señora Pia Bucella, a directora xeral de Natureza e Biodiversidade da Unión Europea, contaremos coa súa presenza aquí en Ribadeo para a vindeira semana. E aproveitando a súa visita eu, como alcalde deste concello, acabo de convidar institucionalmente a representantes tanto do goberno do Estado, como da Xunta e da Deputación Provincial de Lugo, para entre todos e en presencia de Pia Bucella, facer unha mesa de traballo onde poñamos enriba da mesa a situación da praia das Catedrais”.

Suárez Barcia manifestou que “hoxe mesmo é portada dun periódico de tirada moi importante, en Fitur acaparou a atención importantísima a nivel internacional, pero a día de hoxe este areal non conta nin cun plan nin cun modelo de xestión definido e é o Concello, coa colaboración puntual doutras administracións, quen está a atender como pode unha realidade que ano tras ano se vai incrementando en número de visitantes e está a sofrir un desgaste e un deterioro que resulta evidente. Non é lóxico que lle corresponda a unha entidade pequena, como é o Concello, algo que trascende o ámbito municipal”.

O alcalde de Ribadeo confía desde o respecto institucional en que “todo o mundo veña a esta xuntanza. Están convidados o ministro de Medio Ambiente, os seus directores xerais, o conselleiro de Medio Ambiente, o presidente da Deputación de Lugo… todas as institucións que poden ou que teñen algo que dicir sobre a ordenación e organización deste areal. Queremos que a praia das Catedrais, o monumento natural de Augas Santas, sexa unha realidade que permita seguir aportando xente, pero que non se deteriore e que siga a ser un lugar e un reclamo de riqueza económica desde a sustentabilidade medioambiental”.

A xuntanza institucional sobre a praia das Catedrais será o 14 de febreiro ás 16:30 horas no salón de plenos do Concello de Ribadeo.