O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “por fin houbo fumata branca neste concurso Arte nas Paredes, que convocou o Concello de Ribadeo e que ten o apoio da Deputación Provincial de Lugo. Co mesmo preténdese que nalgunhas das fachadas singulares de Ribadeo, cegas e limpas, que estean actualmente sen ningún tipo de pintura, poder imprimir imaxes ou algo que as faga atractivas para os visitantes e para os que vivimos día a día neste municipio. Bebe doutras iniciativas noutras vilas de Europa, do Estado e de Galicia que están tamén facendo o propio, e se ben hai uns meses tivemos que deixar deserto este concurso porque a calidade das obras non era merecedora de consideración por parte do xurado, agora houbo máis de 25 persoas cualificadas, capacitadas para poder facer isto”.

O rexedor explicou que “entre todas as obras, un tribunal plural composto por xente de Acisa, da Dirección Xeral de Patrimonio, do Colexio de Arquitectos, artistas de renome ou profesores de Historia da Arte así como técnicos municipais, escolleuse o que por maioría lles parece a todos que debe ser a primeira proposta. Chámase Buscando o norte, é de Alexandre Prada, de Ourense, e xunto con esta hai un segundo e un terceiro proxecto elixidos”.

Suárez Barcia engadiu que “evidentemente estas propostas teñen que ir á Comisión de Patrimonio de Lugo para que as aprobe e a primeira, se o artista quere, será a que leve a súa idea adiante. Durante un tempo terá que traballar e pintar nesa fachada, que é duns 300 metros, para que perdure no tempo e será definitoria dun modelo de Ribadeo recuperado, restaurado, onde as paredes brancas e cegas tamén sexan arte, arte coa pintura que se lles pretende imprimir e coas obras de artistas como neste caso é o gañador deste concurso”.