Segundo explican desde a Concellaría de Desenvolvemento Local “ata o vindeiro mes de decembro un total de 12 participantes poderán traballar de maneira grupal e con novidosas técnicas de traballo en equipo, desenvolvemento persoal e motivación entorno a formacións teórico- practicas individuais, retos grupais e traballo colaborativo. Neste senso, contarán cun completo programa formativo que se pode consultar na web: http://achocolateira.ribadeo.gal/“.

E engaden que “entre os retos grupais estará a creación dunha axenda de emprego, e un segundo reto a definir de forma conxunta por todos os participantes e a acabar antes de Nadal”. Ademais disto, hoxe levouse a cabo a constitución da empresa A Chocolateira S.L. de maneira virtual: “a empresa marco baixo a que todos os participantes simulando a realidade dunha empresa real, nos distintos departamentos que a conforman: creativo, xestión, loxística e comunicación… desenvolverán as súas habilidades con rutinas diarias, aplicarán os coñecementos adquiridos e se embarcarán en novos retos complementarios que vaian xurdindo e lles permitan gañar seguridade, mellorar as súas habilidades e sobre todo avanzar cara a súa empregabilidade co fin de aplicar no mercado laboral todo o incorporado aos seus perfís durante estes tres meses”.

A Chocolateira é unha iniciativa da Área de Desenvolvemento Local, Emprego e Xuventude do Concello de Ribadeo co- financiada por La Caixa. A Chocolateira bota a rodar dende hoxe, con toda a tripulación e pasaxeiros a bordo cargados de ganar, de coñecer e compartir entre eles e coa contorna.