O rexedor quere convidar, como cada ano, “a todos os nosos veciños de Ribadeo a todos os nosos conveciños e amigos da Mariña de Lugo e do Occidente asturiano para que veñan gozar, para que volvan a Ribadeo a participar nesta décima edición do Mercado do Nadal, que empeza esta tarde e que vai ter continuidade todos os días da ponte ata o domingo pola noite”.

Suárez Barcia subliñou que “a diferenza dos últimos anos non vai haber un mercado na carpa que poñiamos sempre no parque de San Francisco senón que o mercado en si vai estar diluído nas rúas comerciais de Ribadeo a través duns 30 postos de artesáns que teñen en común que todos son profesionais da artesanía con certificación, que venden os seus produtos tanto alimentarios (doces, améndoas, licores, embutidos, queixos, etcétera) como outro tipo de artesanía (de cerámica, tea, coiro, prata, ourivaría, etcétera). Entre todos vanlle dar este aire de Nadal, co que sempre pretendemos atraer á xente aquí, a Ribadeo, a principios de decembro, nesta longa ponte”.

E engadiu “con isto o Nadal xa empeza en Ribadeo. Tamén este ano, de acordo coa asociación de comerciantes e custeando ao 50 por cento cada un, vamos acender o alumeado do Nadal, que é moito máis humilde do que foi en anos anteriores, pero que a pesares da situación económica creo que tamén vai ser bastante bonito. Estamos creando cousas para que a xente veña aos restaurantes, aos comercios, para que a veña a gozar de Ribadeo, que é do que se trata”.

O alcalde de Ribadeo tivo palabras de agradecemento para a Deputación de Lugo, “que nos axuda economicamente a custear unha parte moi importante deste Mercado do Nadal, que o que persigue é dinamizar o noso pobo, o noso concello”.