O rexedor dixo que “por fin as máquinas da Deputación Provincial de Lugo están empezando a tapar, a selar estes baches polos que tantas queixas houbo nos últimos tempos nestas vías provinciais, tanto no ámbito urbano como nalgunhas parroquias. Esta mesma mañá están traballando na Lodeira e van facendo propio tamén para tapar os baches nas outras vías da Deputación”.

Para Suárez Barcia “hai que entender tamén que o tempo non dá acompañado nunca, porque cando temos uns días de sol inmediatamente veñen os de auga outra vez e iso dificulta moito o traballo para ter ben asfaltado”.

O alcalde indicou que “por parte do Concello vimos de rematar agora outro plan de obras e servizos co que estivemos asfaltando varios viais, fundamentalmente das parroquias de A Devesa, de Vilaframil e de Ove. Pero sabemos que todo isto que estamos facendo non é abondo dado que somos conscientes de que hai unha chea de baches en partes do ámbito urbano, da vila de Ribadeo, e tamén en varias parroquias. Polo tanto esperamos que nos próximos días poidamos iniciar unha nova tandada de rebacheos para ter as rúas e os camiños nunha situación aceptable”.

Fernando Suárez asegurou que “somos conscientes do moito que leva chovido no inverno, na primavera tamén, e nunca se encontra o momento con bo tempo para poder traballar con comodidade. O certo é que a xente se incomoda e ten toda a razón do mundo. Polo tanto, só nos queda intentar ir cumprindo para que os camiños estean na mellor das posibilidades e que tanto a Deputación, como a Xunta, como o Concello poñamos o mellor de nós mesmos para ver se agora no verán podemos volver ter todo coa normalidade na que sempre debe estar”.