Martínez dixo na súa intervención que “nos xuntamos hoxe aquí para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos. Nesta biblioteca pública El Viejo Pancho queremos aproveitar precisamente este día para dar por clausurado o obradoiro de emprego Ribadeo no tempo, onde se veu actuando durante varios meses no Concello na catalogación e dixitalización do arquivo histórico de Ribadeo”.

A concelleira nacionalista lembrou que “estes obradoiros son programas públicos financiados con fondos europeos, da Xunta de Galicia e neste caso tamén do Concello de Ribadeo, nos que se alterna a formación teórica e práctica profesional por parte dos alumnos e alumnas”.

A edil de Desenvolvemento Local subliñou que “este obradoiro foi unha aposta por parte do Concello de Ribadeo que quixemos poñer en valor o noso patrimonio documental. Durante estes meses esta experiencia serviunos para constatar a importancia da formación das persoas que, vinculado ao patrimonio cultural, poden conformar verdadeiros elementos creadores de riqueza e desenvolvemento local. De feito creo que por aí xa hai algún traballo dalgunha alumna que está aproveitando a formación que recibiu neste obradoiro”.

Ana Martínez contou que “froito deste traballo temos tamén hoxe a grata ocasión de presentar a nova páxina web do arquivo municipal, que é arquivo.ribadeo.org, que permitirá a difusión de parte do patrimonio documental así como tamén consultar o novo inventario do arquivo no que se estivo traballando. Estamos encantados deste obradoiro, creo que foi unha experiencia magnífica. Traballastes dunha maneira estupenda, profesional, e que vos vou dicir que xa non faláramos durante este tempo e que ademais está reflectido no traballo. O agradecemento aos alumnos, ás monitoras que non poden estar aquí e que nos transmiten as súas desculpas”.

A concelleira asegurou que “foi unha experiencia moi grata e que nos dá pé ao Concello a seguir desenvolvendo estes proxectos. Na próxima convocatoria dos obradoiros de emprego solicitamos un novo obradoiro no que poidamos seguir traballando e poñendo en valor este fondo tan importante que temos no Concello de Ribadeo. Moitas grazas a todas e a todos por materializar un valor como é o noso patrimonio documental. Quero expresar de maneira moi persoal a miña gratitude a Manuel Barreiro, director deste obradoiro, porque estivo moito máis aló das súas obrigas profesionais e grazas a el creo que parte deste traballo está vendo hoxe a luz”.

Pola súa banda o alcalde, Fernando Suárez, dirixiuse aos participantes neste obradoiro dicíndolles que “vos contribuístes a facer unha realidade que é poñer a información a disposición do pobo. É moi difícil que nun lugar ata o de agora lúgubre, húmido, e agora un pouco mellor, iso chegue a xente. Co voso facer, co voso traballo, coa dirección, coas miñas compañeiras, coas técnicas, co cronista oficial, quixemos integrar todo en algo humilde, pero potente ao mesmo tempo. Humilde porque igual pode estar mellor redactado, mellor feito, pero eu creo que está marabillosamente. A posibilidade de que alguén en Nueva Zelanda poida descargar un arquivo do século XVII de Ribadeo para velo mellor que en papel, porque pode velo na súa casa tranquilo con moito máis zoom do que podería estar cunha lupa”.

O rexedor ribadense engadiu que “quero que vos quede que iso vai servir para algo. Non vai ser o resultado dun traballo que un fai e xustifica unha subvención. Vai servir para máis porque nos remove a conciencia a nós agora de que isto quede así sen máis, e pedimos un novo obradoiro de emprego”.

O director do obradoiro Ribadeo no tempo, Manuel Barreiro, quixo “felicitar ao Concello pola iniciativa e por poñer en valor o patrimonio documental que ten. O Concello de Ribadeo me sorprendeu, primeiro o ámbito cronolóxico de fondos que ten de carácter estable, non é usual que todos os concellos teñan documentación con carácter periódico desde mediados do século XVI como sucede aquí. Segundo pola amplitude da temática que ten, é un fondo que se presta a abordalo no seu estudo dende moitas temáticas, poboación, economía, urbanismo, é un fondo realmente moi importante”.

Barreiro fixo fincapé en “animar ao Concello de Ribadeo a seguir apostando polo arquivo, merece a pena. É quizais o patrimonio máis rico que ten o Concello como administración. Nel está contemplado todo o seu pasado, todas as súas actividades, polo tanto é moi necesario poñelo en valor, darlle visibilidade, que non estea agochado en caixas senón que sexa accesible. Dar as grazas a todos os alumnos pola súa implicación. Os obradoiros de emprego presentan algunhas problemáticas. A primeira é o pouco tempo que teñen, duran soamente seis meses, co cal tes que empezar moi forte para poder facer un traballo que mereza a pena, e iso depende do persoal que teñas. Entón agradecer ao persoal a implicación que tivo para seguirnos neste traballo”.

Nesta presentación o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, que conta cunha sección na web do arquivo municipal, lembrou que “o arquivo municipal do que dispoñemos librouse do lume, e non falo por falar porque a biblioteca antecesora desta, a biblioteca do Ateneo, non se librou. Os liberadores do látigo ao que estábamos sometidos por Moscú, textualmente entraron, fixeron unha espurga de libros e fixeron unha fogueira no medio da rúa San Francisco, que é alí onde estaba o Ateneo. Máis recentemente o arquivo do chamado movemento nacional queimouse non no medio da rúa, pero si na forxa dun taller moi famoso. Diso libramos ao arquivo municipal. Da couza, da humidade e dos sustraidores non librou, pero do lume librouse”.
Eduardo Gutiérrez salientou que “todo este traballo que se fixo eu penso que é interesante”.