Segundo explica Mariluz Álvarez Lastra “no Concello de Ribadeo seguimos coa actividade que nós denominamos Aquí, como de 20. O obxectivo é tratar de dinamizar as parroquias do noso concello e acercar a cultura e o ámbito da igualdade á cidadanía que vive no medio rural. Para iso comezamos a facer unha serie de talleres en catro parroquias a modo experimental. A resposta foi moi positiva e iniciamos polo tanto agora unha nova andaina”.

A concelleira de Igualdade sinalou que “estas tardes de lecer son dúas horas de actividades en cada unha das parroquias ás que lles toca nesta quenda. Comezamos a semana que ven,  o 24 de outubro, en Santalla de Vilausende e serán ata o mes de decembro ininterrompidamente. Teñen un compendio de obradoiros alongados no tempo: para traballar a memoria, a autoestima, manualidades,  novas tecnoloxías, musicoterapia, merendas… Isto permite algo moi importante como é ter a posibilidade de relacionarse coas persoas que viven no seu entorno máis próximo”.

Álvarez Lastra engadiu que “os lugares onde se vai levar a cabo esta iniciativa neste trimestre son: Remourelle, Cinxe, Vilaosende, Rinlo e Cedofeita. Comezaremos o día 24 de outubro en Santalla de Vilausende, todos os venres de  16:00  a 18:00 horas;  os luns: Cedofeita as 16:00 a 18:00 horas e Remourelle de 18:30 a 20:30 da tarde. Os mércores será a quenda para Rinlo de 16:00 a 18:00 horas e Cinxe de 18:30 a 20:30 horas”.

A edil nacionalista indicou que “todos aqueles veciños e veciñas destas parroquias poden acudir a estas actividades, pero calquera persoa que pertenza ao casco urbano de Ribadeo ou a calquera das outras parroquias do noso concello que queira pode incorporarse a esta actividade porque é totalmente aberta e gratuíta. Poden chamar ao Centro de Información á Muller, ao 982 120 739, para inscribirse ou recibir toda a información que precisen”.