O rexedor subliñou que “o que máis nos preocupa neste momento é a situación estructural deste inmoble” e lembrou que “xa hai un mes decretei unha serie de medidas urxentes de cara a apuntalar a Torre dos Moreno. Para iso fixemos os traballos preparatorios previos e acordamos verbalmente coa Xunta o subministro dos puntais, pero en vista de que o deterioro se está a ver agravado nos últimos tempos e de que no día de hoxe o arquitecto Ernesto Cruzado rexistrou no Concello un informe no que advirte do pésimo estado dalgunhas das columnas que sustentan unha parte da Torre, desde o Concello non podemos agardar máis a que a Xunta se decida a axudarnos ou non. Polo tanto imos de maneira inminente a encargar os puntais necesarios para proceder ao seu apuntalamento nas vindeiras horas. Digo isto con toda a crueza porque, insisto, non podemos agardar máis a que en calquera momento unha destas columnas poida estalar e poida haber unha desgracia que nos afecte a todos”.

Fernando Suárez tamén se referiu á compra-venda do 50% da Torre dos Moreno, que tivo lugar nos últimos días, “a empresa compradora rexistrou hoxe un escrito no Concello dándose a coñecer formalmente, aprezo boa fé e ogallá sexa así. Están dispostos a colaborar neste apuntalamento da Torre de xeito inmediato na parte que a cada un lle corresponde, o Concello aportará o 21% e a empresa está disposta a colaborar coa súa parte. Xulgo isto coma unha boa noticia e unha vez que isto de apuntale xa, poidamos con máis calma dialogar para que isto sexa o principio do final da rehabilitación da Torre dos Moreno”.

O alcalde de Ribadeo considera que “as cousas non ocorren por que sí, a propiedade que lle vendeu a esta empresa quizáis o fixo presionada porque desde o Concello decidimos hai un par de meses cambiar a relación que viñamos mantendo desde hai moitos anos tentando chegar a acordos que nunca se producían. E en vista de que a situación do edificio está collendo tintes moi perigosos e de que o Concello advertira de que ía ir a por todas, incluso contra o patrimonio destes propietarios, supoño que aproveitaron para desfacerse da súa parte da Torre vendéndolla a un terceiro”.  Suárez Barcia engadiu que “nós como Concello non debemos entrar nesas compra-vendas, lamento que algún outro persoeiro político entre neste asunto, pero nós non imos facelo. Eu sempre quero defender o interés público e a estabilidade do edificio, defender que non se veña abaixo. Unha vez con iso estabilizado será o momento de mirar como entre todos podemos levar adiante a rehabilitación deste edificio tan importante para o patrimonio colectivo de todos os ribadenses”.