A iniciativa ter que ver, segundo o rexedor, “con este drama que se está vivindo e que vivimos cada día coa situación do sector leiteiro, que está en pé de guerra e con razón, porque ninguén pode traballar e vivir do seu traballo se o que lle pagan polo resultado é inferior aos custes de produción”. Suárez Barcia dixo que “Ribadeo formou parte dunha comarca leiteira de primeira magnitude e tamén ten unhas superficies comerciais de primeira magnitude, e entendemos que buscar solucións debe ser un traballo de todos, dos gobernos e de regular e impedir determinadas prácticas que ao final acaban redundando na miseria que se está vivindo”.

O alcalde lembrou que “dende o Concello de Ribadeo xa hai tempo fixeramos unha cousa parecida, pero agora querémolo enfocar doutra maneira. Acabámoslle de enviar unha carta cortés, educada, a todo o sector da distribución en Ribadeo, que é moito, a todos os supermercados e hipermercados que hai na vila e no municipio, para indicarlles que establezan o prezo do leite que venden acorde co custe de produción e que no o usen como produto gancho, vendendo así por debaixo do prezo de custe e de transformación. Indicámoslles que se así o fan tamén van contribuír a manter no noso territorio todas as fases da cadea de produción e comercialización, axudarán a xerar riqueza en todos os procesos e así garantirase un tecido social e economicamente sostible. Entendemos que vai ser o mellor xeito de contribuír a un futuro máis próspero para a nosa comarca e para o noso país, e como non, por extensión, tamén para eles, porque se non teñen xente para comprarlles os produtos mal van eles tamén”.

Fernando Suárez anima aos Concellos da zona a seguir este exemplo: “esperamos que sexa extensivo a outros concellos que tamén teñen importantes cadeas de distribución, para que fagan o propio que estamos facendo aquí en Ribadeo”.