O alcalde, Fernando Suárez, asegura que o Concello agarda que a pista sexa un bo reclamo de ocio que achegue visitantes a Ribadeo: “chegou o día e esta tarde a partires das 17 horas abre as súas portas a pista de xeo que o Concello de Ribadeo instalou aquí no parque de San Francisco, co apoio de Acisa, a Asociación de Comerciantes de Ribadeo, para facer que Ribadeo volva ser durante este Nadal, do 18 de decembro ao 10 de xaneiro, un lugar obrigado para vir mercar, consumir, pasear, gozar na pista de xeo, para os nenos, para as nenas, para os non tan nen@s, para os adultos, para todo o mundo que queira gozar dunha pista de xeo natural. Noutras cidades lévano facendo dende hai anos, pero aquí en Ribadeo, e como novidade para toda a comarca, quixemos intentalo este ano. É un esforzo económico moi importante que pensamos ir compensando coa estimación de xente que sen dúbida esperemos que se achegue, non só de Ribadeo senón tamén da comarca da Mariña e do Occidente asturiano”.

O rexedor lembra que “estará aberta en horario de 12 a 14 horas e de 17 a 22 horas, e todo aquel que merque unha entrada por libre terá un custo de 6 euros, pero aos que merquen en Ribadeo nos establecementos asociados de Acisa, por cando menos 20 euros, daranlles un vale para que o podan entregar na propia pista e terán unha bonificación do 50%, así que so pagarán 3 euros”.

E engadiu: “hai que ter en conta que todo este traballo que levamos facendo nestes últimos tempos para a pista de xeo é para lograr que veña máis xente a Ribadeo e que sega sendo o lugar de referencia para ducias de miles de persoas durante o Nadal, así que aquí vos esperamos nesta pista de xeo natural no parque de San Francisco a partir das 17 da tarde”.