O rexedor sinalou esta mañá que “desta xoia, deste monumento natural e desta marabilla da natureza, que afortunadamente temos aquí en Ribadeo e que está tan de actualidade e que todos os días, para ben ou para mal, se fala dela. Nós, desde o Concello, queremos que se fale sempre ben, pero hai veces nas que saen noticias coma as destes últimos días nas que vemos que hai xente que empeza a facer graffitis, a raiar as pedras e a escribir os seus nomes nas rochas de maneira indesexable e intolerable nese areal. Isto é un exemplo dos moitos que podemos poñer sistematicamente da necesidade da adopción de poñer en marcha medidas urxentes”.

Suárez Barcia dixo que “máis aló de poñer catro carteis informativos ou máis aló de que tres persoas, de moi boa fe, estean a explicar cando sobe e cando baixa a marea, faise necesario facer un plan estratéxico e declarar todo ese litoral como parque natural, tal e como vimos demandando desde hai anos, para que poidamos entre todas as administracións estar suxeitas, estar atadas por unha cuestión legal e non por unha cuestión de componenda política”. O alcalde ribadense lembrou que “hai poucas semanas enviamos un escrito, que fixemos público, a Renfe pedindo unha das medidas que nos parecen importantes como era a construción dun apeadoiro nas inmediacións da praia das Catedrais, dado que a liña de Feve discorre paralelamente a ese areal desde hai 70 anos, pero non para alí. Si a 250 metros da praia se puidera facer un apeadoiro de Feve favoreceríamos moito o transporte público, poñeríamos en valor a liña de tren, que moitas veces está infrautilizada, e ao mesmo tempo reduciríamos a presenza dos vehículos privados, que tanto ateigan esa zona”.

O rexedor explica que “a contestación, moi educada, que facemos pública hoxe e que nos dan desde Renfe é que eles non teñen competencias para facer apeadoiros, eles só xestionan as cousas feitas. Isto é un exemplo máis de que se non hai coordinación entre administracións todos os esforzos, as boas ideas, sen compromisos legais e normativos que aten ás distintas administracións, todo queda en nada. A urxencia na adopción de medidas está máis que xustificada á vista da afluencia que, durante calquera día do ano e especialmente durante o verán, rexistra a praia das Catedrais. Pídolle e dígolle á Xunta que si o Concello tivese capacidade inmediata, que ninguén dubide que exercería absolutamente o control, a regulación, a limitación e a ordenación de toda esa contorna. Para que iso o faga o Concello debe ter aprobado o seu PXOM e logo debe desenvolver un plan especial que lle levará mais tempo, pero non podemos agardar tanto”.

Fernando Suárez subliñou que “a Xunta ten as competencias necesarias e a conselleira sabe de primeira man, polo que lle levamos dito desde Ribadeo, e non é unha cuestión caprichosa, nin de facerlle caso ao alcalde de Ribadeo, é unha cuestión de atender á necesidade, de sentido común, que requiren os miles e miles de persoas que visitan o areal e que non queren que se estrague e queren que siga vivo, útil e que siga a ser un reclamo turístico e xeolóxico durante mil anos máis”.