O rexedor anunciou que “despois dunha serie de días de traballo neste aparcamento en precario do que dispón o Concello, por autorización dos seus propietarios na avenida Rosalía de Castro ao pé do supermercado Gadis, hoxe están rematadas completamente estas obras que levamos facendo un tempo e que tivemos que parar días atrás por mor das choivas”.

Suárez Barcia manifestou que “agora está perfectamente acondicionado tendo en conta o que é, un aparcamento en precario dun propietario privado. Polo tanto estas actuacións quedan limitadas ao que estamos facendo. Non podemos botar aglomerado asfáltico nin facer unhas obras moi custosas porque seguramente o día menos pensado o promotor segue construíndo, posto que o plan xeral de ordenación municipal así o prevé. Aínda que tamén é certo que nesa traseira e no subsolo no plan xeral está contemplado un aparcamento público soterrado, pero iso resolverase cando se constrúa o edificio principal”.

O alcalde ribadense engade que “mentres tanto para os usuarios de toda esa zona, os visitantes e os veciños teñen ese aparcamento agora en perfecto estado, sen prexuízo ademais de que desde o Concello estamos falando con outros propietarios que teñen tamén solares, que os teñen agora mesmo vacantes, para que llelos cedan en precario, gratuíto, ao Concello e este comprométese a mantelos”.

Fernando Suárez declara que “é unha fórmula que estamos utilizando dende hai un tempo, e estanos indo razoablemente ben, pero sabendo como debe saber todo o mundo  que estes solares que se utilizan como aparcamentos precarios teñen a duración ata que os seus propietarios decidan construír segundo o que está disposto no planeamento urbanístico municipal”.