A concelleira de Igualdade, Mónica Freire, sinalou que “como xa adoita ser habitual nestas datas, desde a Área de Igualdade preparamos unha viaxe que ten como obxectivo potenciar a sororidade e o autocuidado da muller”.
A edil ribadense explica que “neste caso o destino elixido é o Termaria Talaso da Coruña. A viaxe será o domingo 16 de abril, saíndo ás 14:30 horas da Escola de Música e regresando ao redor das 21:00 horas. As mulleres que queiran participar nesta viaxe terán que sufragar a cota por utilización do Talaso, que ascende a 21 euros e inscribirse previamente. O Concello de Ribadeo custea ou autobús no que se desprazará a expedición. O prazo para inscribirse estará aberto do 16 ao 31 de marzo. As mulleres interesadas poderán anotarse enviando un correo electrónico ao CIM ou chamando ao telefono 982 120 739. Temos 50 prazas”.

As instalacións de Termaria Talaso están situadas na Casa del  Agua, xusto á beira do estadio municipal de Riazor. En Termaria cáptanse todos os beneficios da auga de mar, que é quentada a unha temperatura similar á do corpo humano. A esta temperatura e debido ao proceso de ósmosis, os sales minerais, lodos, algas e demais elementos da auga están preparados para penetrar na pel e xerar os seus recoñecidos efectos terapéuticos. Coa entrada ao recinto terase a disposición a gran piscina activa de auga de mar, o completo circuíto termal con gran número de elementos (saunas de distinto tipo, fonte de xeo, zonas de contraste, corredor de choiva, pediluvio, etc); terrazas con xardín e sauna exterior; e sala de descanso con calor infravermella. É preciso que as asistentes leven gorro, toallas e chanclas para as zonas acuáticas. 

Mónica Freire subliñou que “organizamos esta viaxe, porque consideramos importante que as mulleres establezamos límites para o noso propio benestar, priorizarnos e reservar un tempo de calidade para o autocuidado”.