O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, contou que “publicamos hoxe os anuncios tanto no perfil do contratante da páxina web do Concello como no Boletín Oficial da Provincia, primeiro un contrato para subministro, montaxe e desmontaxe en réxime de aluguer do alumeado ornamental da campaña de Nadal de Ribadeo. Qqueremos anticiparnos e facelo agora con tempo. Non queremos sustos doutros anos que a piques de empezar a campaña do Nadal non había as veces empresas que puideran subministrar. Queremos agora con calma licitar en aberto por un período de dous anos con posibilidade de prórroga dun máis, e cun valor estimado do contrato de 13.915 euros por ano”.

O rexedor dixo: “mantense o número de rúas e os espazos que se alumearon o ano pasado, que xa foron máis que o ano anterior, pero agora queremos darlle algo de máis impulso sobre todo ás zonas de transición entre o casco vello e a zona nova, especialmente na praza de abastos, na praciña de San Roque, no quiosco da música ou mesmo tamén na rúa Virxe do Camiño. Tamén queremos nesta licitación indicarlle ás empresas que se queren presentar que cada ano as rúas teñen que ir cambiando, non se poden repetir as decoracións nas mesmas rúas dun ano para outro. Este importe é cen por cen de fondos municipais e confiamos en que se presenten empresas capacitadas e cualificadas para facer este traballo”.

Suárez Barcia sinalou que “por outra banda tamén publicitamos o anuncio de adquisición dun vehículo tractor e dous apeiros de desbrozadora, unha de arrastre e outra de brazo, por importe de 90.000 euros máis 18.900 de IVE, un total de 108.900 euros. Temos que dicir que neste caso contamos cunha axuda importante da Xunta de Galicia, e todas empresas ou talleres que queiran participar terán un prazo de oito días naturais desde a data de hoxe para presentar as súas ofertas. Toda a información está publicada no perfil do contratante ou tamén no Boletín Oficial da Provincia de Lugo”.

O alcalde manifestou que “este novo tractor nos vai supoñer un importante apoio ao que xa temos nosoutros. Con dous vehículos funcionando ao mesmo tempo entendo que poderemos actuar mellor en todos os núcleos e estradas municipais, que temos quilómetros e quilómetros ao longo do noso concello”.