O rexedor ribadense manifestou que “esta relación de parcelas e de propietarios, aproximadamente 160, que sae publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado, é simplemente seguir traballando na liña na que levamos desde outubro do ano pasado, coa intención decidida de que en Ribadeo se cumpra a normativa no que ten que ver cos incendios forestais, concretamente coa lei de incendios autonómica 3/2007, que xa leva máis de dez anos en vigor”.

Fernando Suárez dixo que “con todas estas instrucións que a Xunta estivo dando, e agora con todo o listado de xente á que lle enviamos os requerimentos en período voluntario, que foron aproximadamente 700, houbo uns 160 máis ou menos que non puidemos notificar porque ou ben non tíñamos datos abondo, porque non estaban correctamente no Catastro, ou porque viñeron devoltas estas cartas, ben por ser descoñecidos os propietarios, estar ausentes, falecidos, etc… Entón decidimos dar un paso de notificación pública a través dun boletín público como é o Boletín Oficial do Estado para que ninguén se chame a equívoco”.

O alcalde ribadense declarou que “estamos facendo todo isto de boa fe, para informar e en período voluntario. Queremos dicir que a partires de final deste mes a cousa vai cambiar, non porque o digamos nós senón porque o di a lei autonómica. A partires desta data enviaranse requerimentos formais a todos aqueles propietarios que fixeran caso omiso a estes remitidos en vía voluntaria que levamos meses facendo, e a partir de xuño enviaremos requerimentos formais cun prazo de quince días naturais para que os propietarios cumpran finalmente as súas obrigas establecidas por lei desde hai máis de dez anos. Se non é así o seguinte paso será ben expedientes sancionadores, ben execucións subsidiarias con repercusión dos custes a estes propietarios”.

Fernando Suárez manifestou: “insistimos e pedímoslle unha vez máis a todos os propietarios de montes, que dalgunha maneira incumpran a lei de incendios no referente á faixa que deben deixar de 50  metros de distancia ás vivendas, ás edificacións ou aos núcleos rurais, que o fagan en período voluntario, e que non o deixen para última hora. Sabemos desde o goberno municipal que hai moita xente que está facendo isto, pero que non o deixen para última hora”.

O rexedor engadiu: “quero dicir outra vez máis que as sucesivas comunicacións que lle enviamos ao presidente da Xunta non obtiveron resposta. Foron remitidas co obxectivo de que el dea as instrucións pertinentes á súa Consellería de Medio Rural, para que en atención á propia lei os técnicos forestais nos axuden chegado o caso en xuño a determinar quen cumpriu e quen non a lei en canto ao retranqueo dos eucaliptos ás vivendas. Esta falla de respostas empézanos a preocupar, é certo que estamos en período voluntario e a Xunta aínda non ten que facer nada, pero a partir do 1 de xuño si que debera ter a coordinación, que anda cacarexando por aí adiante que quere ter. Pois de momento con Ribadeo non a tivo”.