Suárez Barcia sinalou que “debemos volver falar de novo sobre a situación do casco vello e os inmobles que moitas veces están nunha situación de ornato, de seguridade ou de salubridade pública realmente mal. Pero neste caso quero falar por ben, quero falar para valorar moi positivamente o que o Bispado de Mondoñedo-Ferrol estivo facendo nestas últimas semanas ou meses co antigo colexio das monxas, nestes dous edificios, aquí na rúa Trinidade de Ribadeo, que estando nunha situación moi mala estruturalmente, atenderon os requerimentos que lles fomos facendo desde o Concello e a verdade é que teño que valoralo publicamente”. O alcalde dixo que “do mesmo xeito no que seu momento dixemos que isto non podía ser así porque era un perigo público, agora non só non é un perigo público, senón que ofrece unha visión dunha parte do casco vello moi ben amañadiña, moi ben resolta. Aínda que na parte interior estea sen uso, diáfana e baleira, si que na parte exterior cúmprense todas as medidas de seguridade, de salubridade e de ornato público e isto debe ser un espello no que se miren o resto de propietarios, que a meirande parte deles, por non dicir todos, non viven no casco vello de Ribadeo e aínda a día de hoxe teñen os seus inmobles nun estado que non é axeitado, de aí que sigamos dialogando con eles polas boas ou polas non tan boas para que os sigan amañando”.

O rexedor ribadense engadiu que “sirva coma exemplo positivo do que o Bispado de Mondoñedo-Ferrol, e á cabeza o seu Bispo ao que eu lle acabo de mandar un escrito valorando de xeito moi positivo o resultado desta rehabilitación, que nos preocupou tempo atrás, pero que hoxe é motivo de orgullo para todo o casco vello e para todo Ribadeo en si, porque ao fin e ao cabo o conxunto histórico do casco vello ribadense é unha fonte de riqueza e de turismo. Moita xente ven aquí a Ribadeo non so a ver a praia das Catedrais, non so a comer nos restaurantes e a disfrutar do comercio da nosa vila, senón tamén a apreciar o noso patrimonio histórico que é moito, moi rico e moi variado”.