A edil nacionalista dixo que “este proxecto Andainas por Ribadeo que leva a cabo o centro de día A Concordia en colaboración coa área de Saúde e Servizos Sociais do Concello consiste nunhas rotas cunha dificultade media baixa e cunha duración duns 45 minutos. Os participantes serán persoas de máis de 60 anos que irán debidamente atavidas con gorras e chalecos”.

González Piñeiroa contou que “o primeiro percorrido será o vindeiro 2 de setembro a partires das 18 horas. A saída será desde a praza de abastos para percorrer varias zonas da vila e incluso indo ao ascensor panorámico. Trátase de fomentar a actividade física das persoas e o factor relacional porque sabemos que é unha etapa da vida na que precisan motivarse un pouco e tamén falar. En función de cómo sexan os resultados desta rota vánse proxectar máis, unha por semana durante dous meses e preténdese facelas tamén extensivas ás parroquias de Ribadeo”. A concelleira de Saúde e Servizos Sociais sinalou que “todos os que queiran participar que se acheguen á praza de abastos o 2 de setembro. Animo ás persoas e ás familias que coñezan a xente deste perfil a que as animen a participar porque será moi gratificante e vánse sentir ben”.

Teresa González Piñeiroa manifestou que “desde a área de Saúde e Servizos Sociais perseguimos o benestar físico e psíquico das nosas veciñas e vecinos. Os nosos maiores ocupan un lugar prioritario xa que son un dos sectores de poboación máis necesitados de atención e non só na etapa da súa vida na que son dependentes. Trátase de que teñan unha boa calidade de vida e se sigan sentindo útiles e necesarios; trátase de que sexan felices, compartan experiencias e nos transmitan saberes que elas e eles recolleron no seu percorrido vital. Por este motivo, elaboraremos, coordinaremos e colaboraremos en actividades que teñan como obxectivo o beneficio das nosas veciñas e vecinos”.

A concelleira de Servizos Sociais engadiu que “somos conscientes de que, sumando esforzos, a produtividade é maior. Se sempre é importante, máis na actual conxuntura económica. Agora máis que nunca cómpre a colaboración e coordinación de máis organismos, institucións e asociación. Por este motivo, colaboramos e apoaiamos o desenvolvemento desta actividade e agradecemos a Ana Fdez. Pérez (directora do Centro de día A Concordia), a Julia Pérez Loureiro (psicóloga do Centro) e a Raquel Vieites Rodríguez (traballadora social do Centro) a súa iniciativa de programar e levar a cabo este proxecto”.