A edil ribadense contou que “ao longo destes días desde o Concello de Ribadeo imos comezar coas actuacións de mellora do alumeado na rúa Picarolas”.

Mónica Freire dixo que “actualmente esta zona da vila conta con alumeado, pero entendemos que é moi limitado en canto a número de luminarias e con estas actuacións de mellora o que pretendemos, ademais de aumentar o número de farolas nesta rúa, é cambiar de lado esta instalación de alumeado; actualmente atópase no lado esquerdo da rúa e con esta obra será levado á parte dereita sobre a beirarrúa”.

A concelleira de Obras explicou que “contemplamos con estas actuacións a colocación de 7 novas luminarias de tecnoloxía de LED de 60 vatios sobre as súas correspondentes columnas para o cal precisaremos facer unha nova canalización. Por este motivo a rúa permanecerá pechada uns días, mentres duren estas obras, polo cal pedimos desculpas á veciñanza desta zona polos prexuízos que se poidan causar, pero intentaremos que estas obras sexan o máis dilixentes posible e poidamos contar con esta nova instalación canto antes”.

Freire Rancaño engadiu que “o orzamento para esta actuación é de 22.500 euros e pensamos que en dúas semanas poden estar rematados estes traballos”.