O rexedor dixo que “isto é algo ao que xa nos referimos hai un tempo e a min paréceme un absurdo. O Concello de Ribadeo por nada e para nada vai sufragar un gasto que lle corresponde íntegramente ao Ministerio de Fomento, dado que a Ponte dos Santos correspóndelle ao goberno do Estado e non ao Concello de Ribadeo”.

Suárez Barcia referíuse ao exemplo que xa puxo noutras ocasións, “no propio treito da Autovía do Cantábrico ao seu paso por Ribadeo, a uns 300 metros despois da ponte no noso ámbito municipal, o alumeado público dese vial é sufragado polo Ministerio de Fomento, polo tanto considero un absurdo que pretendan que o Concello pague a metade dese alumeado público da ponte xunto coa outra metade que tería que afrontar Castropol”.

O alcalde de Ribadeo advertiu de que “ante posibles circunstancias perigosas que se poidan producir na Ponte dos Santos serán imputables ao propio Ministerio de Fomento por ter unha desatención das súas infraestructuras, pero para nada o Concello se vai facer responsable de algo que non é da súa propiedade, do mesmo xeito que tampouco se fai responsable do alumeado da zona portuaria de Ribadeo, aínda que estea encastrado no noso casco histórico. Neste exemplo é Portos de Galicia o que se fai cargo”. E insistiu en que “a cada un o que é o seu, ao césar o que é do césar e que o Ministerio de Fomento se preocupe de manter as súas infraestruturas sen botarlle a culpa da súa falla de atención aos demáis”.