O rexedor ribadense dixo: “valoro moi positivamente este acordo que se asinou a tres bandas entre o Concello de Ribadeo, o Ministerio de Fomento máis a Xunta de Galicia, relativo á promoción de 40 novas vivendas de aluguer dentro do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. Entendemos que é un paso moi importante por varios motivos. Por unha banda, porque se van poñer a disposición, dentro dun tempo, unha boa cantidade de vivendas de aluguer con características de aluguer social e pola outra, porque o promotor, que solicitou este programa estatal, vai resolver unha situación na que o Concello levaba un tempo dialogando para darlle unha saída axeitada a un edificio iniciado hai uns quince anos e que quedou paralizado con pouco máis que a súa estrutura básica levantada, dando un aspecto actualmente lamentable”.

Fernando Suárez contou que “este edificio, que está situado na avenida Rafael Fernández Cardoso, se vai concluír, pasará a prestar esta función de poñer no mercado 40 vivendas destinadas ao aluguer por un período mínimo de 25 anos, debendo ter estas vivendas unha cualificación enerxética mínima da categoría B. Para todo isto, este promotor terá unha axuda que vai completar a inversión global que está cifrada en 2.665.000 euros, dos cales o Ministerio de Fomento aportará 954.000 euros, é dicir o 35%, e a Xunta de Galicia aportará 27.000 euros, o que supón o 1%, tendo que poñer o promotor o 63% restante”. 

O alcalde de Ribadeo engadiu que “as vivendas que resulten desta actuación terán uns prezos de aluguer máximo que están establecidos no artigo 23 do Real Decreto 106/2018 do Plan Estatal de Vivenda, sobre todo para xente de especial vulnerabilidade cuns topes máximos. As obras terán que facerse nos prazos que se indican neste acordo, que son 24 meses. Polo tanto creo que é unha boa noticia. Vai ser executado nos próximos meses todo este edificio e logo a xente que queira pedir información pode vir ao Concello de Ribadeo, ás oficinas de rehabilitación que temos na planta baixa que están abertas a todo o mundo para darlle a máxima información posible”.