Cos votos a favor de PP e BNG, os votos en contra do PSOE e a abstención de UPRI aprobóuse a modificación das taxas da auga, do saneamento, do lixo, da piscina municipal e do vertedoiro de escombros que subirán o 1’1% no 2011. Fernando Suárez explicou que “este goberno municipal dada a situación actual de crise decidimos non propoñer subas de ningún tipo de imposto ou taxa excepto naquelas nas que as concesionarias nos piden, para evitar que exista desequilibrio financiero, as subas do IPC e nalgúns casos como o da piscina nos pedían un incremento maior. O que propuxemos e que saiu adiante foi aplicar o IPC acumulado interanual dos dous últimos anos, o do pasado que é o menos 1% e o deste ao que é o 2’1%, polo tanto a suba destas taxas queda no 1’1% e no apartado do vertedoiro modificamos a ordenanza de tal maneira que a partires de agora todas aquelas persoas que teñen que tirar pequenas cantidades e que ata momento pagaban como si tirasen unha tonelada agora desde 100 kilos pagarán proporcionalmente ao peso do escombro que tiren”.

O alcalde considera que “si os impostos non van subindo acorde co que sube o IPC cando toque voltar a incrementalos a suba será moito maior, polo tanto flaco favor se lles fai ás familias e moita demagoxia vin no pleno porque estamos a cinco meses dunhas eleccións municipais”.

Non saiu para adiante a proposta da alcaldía para reclamar diante da Xunta e da Deputación a urxente reparación da ponte de Arante. O rexedor comentou que “nós queríamos pedir que actuasen con sentidiño, que se puxeran de acordo e que executasen as obras de xeito inminente antes de que remate o ano”. Fernando Suárez considera que “aquí vese claramente como todos os partidos da oposición para nada estiveron á altura das circunstancias antepoñendo os intereses partidarios máis mesquiños ao que é a realidade e a necesidade que teñen os veciños da Ponte, dos Bestilleiros, de Arante, de varias parroquias de Trabada que teñen que dar grandes rodeos, polo que non viña mal facer un pronunciamento claro, solemne, institucional desde o Concello para que Xunta e Deputación deixaran de enredar, de mandarse mensaxes a través dos medios de comunicación, deixaran todo iso a un lado e se preocuparan un pouquiño máis polos veciños”.

O alcalde engadiu que “como era unha proposta da alcaldía, o PSOE defendeu os criterios que lle chivaron por teléfono desde a Deputación e desde o PP tamén polos momentos que ten o xefe territorial de Patrimonio e de Cultura e o que lle chivaron desde a Xunta tamén antepuxeron os seus argumentos para non votar a favor deste pronunciamento. Tamén é destacable o caso do señor Rivas que preferiu mirar cara outro lado e non apoiar esta iniciativa que non saiu adiante coa abstención duns e cos votos en contra doutros. Todos sumaron máis que o equipo de goberno e o Concello de Ribadeo non vai instar formalmente á Xunta e á Deputación para que por favor se poñan de acordo para axilizar a construcción da ponte porque a nosa oposición, que é maioritaria ao goberno municipal actual, non estivo á altura das circunstancias”.