O rexedor lembrou que “hai moi pouquiños días o Concello de Ribadeo presentou por unha amplísima maioría no pleno unha serie de alegacións a este Plan de Ordenación do Litoral que está en fase de aprobación inicial por parte da Xunta e que desde o Concello vimos con certa preocupación. Aínda que sempre digo que o director xeral ten boas palabras con nós a realidade é que no papel non se plasma o mesmo que él nos di verbalmente”.

Suárez Barcia explicou que “unha vez que a Corporación aprobamos estas alegacións paréceme moi importante o traballo que fixeron os técnicos municipais e non é malo dar a coñecer cales foron as alegacións que se fixeron aos núcleos como Rinlo, aos corredores ecolóxicos sobre todo en Vilaselán e Piñeira, na zona da Vilavella, zonas que se consideran urbanas consolidadas pola historia e polo propio desenvolvemento da vila, solos urbanos que están entre a circunvalación e a autovía, lugares importantes a ter en conta como o aeródromo de Vilaframil… en definitiva unha serie de alegacións moi complexas, moi documentadas e como poucos concellos en canto a entregar un material á Xunta cunha chea de fotografías, de planos e de cartografías. Algo que ten que ter en conta o goberno galego porque ademáis vai como alegación tamén un informe xurídico que cuestiona o momento e o procedemento de aprobar este POL”.

O alcalde engadiu que “nós o que queremos, supoño que como calqueroutro concello galego, é que si a Xunta acaba por aprobar o Plan de Ordenación do Litoral que éste non prevaleza por enriba de todo canto se poida aprobar despois como pode ser o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Esperemos que as palabras do director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, que sempre son boas, se cheguen a concretar tamén coa estimación senon é total sí da maioría destas alegacións que foron consensuadas por todos os grupos políticos, aínda que logo na votación final o PP quedou á marxe, non votou en contra abstívose, pero contou co respaldo do resto de grupos da Corporación e cando algo conta con moita unanimidade parece que vai políticamente máis reforzado máis aló de toda a razón técnica que estas alegacións teñen”.

O Concello presentou 12 alegacións de carácter urbanístico e 15 de carácter xurídico.