O alcalde ribadense, Fernando Suárez, explicou que “nestes días estamos traballando duramente na parroquia de Covelas, concretamente nos barrios de Saa e de Somo, facendo unhas labores de aglomerado asfáltico destes accesos a estes dous núcleos, pero ademais ao núcleo de Marelle que dá tamén acceso”.

O rexedor dixo que “estamos aglomerando e pintando posteriormente polas súas beiras, uns viais nunha distancia duns 1.100 metros, cun orzamento duns 58.400 euros de proxecto, que foi adxudicado en procedemento de licitación aberta á empresa Deymet, Desarrollos y Metas. Estes recursos proveñen estritamente de fondos propios municipais, o cen por cen son de fondos propios municipais”.

Suárez Barcia engadiu que “son actuacións en vías municipais de comunicación, nunhas veces nas parroquias da costa e noutras do interior, como é este caso, que o necesitaban como tantos outros que o necesitarán noutras parroquias. Nos próximos tempos confiamos poder seguir avanzando, seguramente non tan axiña nin con tanta intensidade como a todos nos gustaría, pero tentando facelo o mellor posible dentro da situación que nos toca vivir a todos e que nos toca xestionar, neste caso, a nós”.