O rexedor considera que “é difícil dicir tantas parvadas en tan pouco espazo e o certo é que tendo en conta o día no que as dixo, o día dos Santos Inocentes, quizás por iso lle podo atopar algunha explicación. É moi grave facer estas consideracións de cuestións moi sensibles para moita xente como son a anulación dunha praza de médico aquí en Ribadeo ou o trato recibido por parte da Xunta de Galicia sobre a residencia de maiores de Ribadeo”.

Fernando Suárez lembrou que “tivo que saír á rúa o pobo de Ribadeo, máis de mil persoas, hai un ano para conseguir que a conselleira de Traballo e Benestar recibira a unha comisión de veciños e de políticos da Corporación. A actuación da Xunta lamentablemente en todo este proceso sempre foi a rebufo tanto dos feitos como doutras administracións, singularmente o Concello e a Deputación. É máis ao final grazas á determinación da Deputación Provincial de Lugo en costear unha parte importante do proxecto, foi o que levou á Xunta a dicir que o cofinanciaría con 500.000 euros, unha cantidade que é ben pouca e que contrasta co 1.828.000 euros que porá a Deputación”. O alcalde subliñou que “este diñeiro da Deputación xa está conveniado, xa está asinado e asegurado, cousa que non podemos dicir a día de hoxe da Xunta porque aínda non nos chamaron para asinar o oportuno convenio”.

Suárez Barcia engadiu: “supoño que este rapaciño, este presidente provincial de Novas Xeracións co bo hooligan que é do seu partido, debera ter unha visión un chisquiño máis obxectiva do mundo que o rodea a el e que nos rodea a todos, que está cheo de dificultades, de recortes e de problemas, que el e o seu partido, que está a gobernar na Xunta e no Estado, deberían tratar de resolver e non de agravar aínda máis nas desigualdades sociais que están a provocar”.