A concelleira nacionalista explicou que “segundo os datos recollidos na oficina de turismo temos que destacar que Ribadeo durante o mes de xuño recibiu 5.100 visitantes, un dato notablemente mellor que no 2010 xa que ese mes pechárase con 2.300 turistas visitando o noso concello. Incluso durante estes primeiros días de xullo levamos contabilizadas máis de 2.500 persoas que solicitaron información nas instalacións de turismo”. Ana Martínez lembrou que “o pasado 8 de xullo entrou en funcionamento un ano máis o punto de información turística da praia das Catedrais. Nos días que levamos traballando xa foron realizadas alí máis de 1.000 consultas”.

A responsable de Turismo contou que “o perfil dos visitantes que chegan a Ribadeo, na súa maioría son familias, parellas ou grupos de amigos. Son poucos os que veñen sós, agás os que fan o Camiño de Santiago, que sí na súa maioría viaxan dun xeito individual. En canto á orixe da xente que pasa por Ribadeo na meirande parte con madrileños, cataláns, galegos e seguidos principalmente de vascos e asturianos, aínda que neste ano con respecto a 2010 notóuse un pequeno repunte de valenciáns e navarros. Durante as fins de semana nótase tamén unha importante afluencia de galegos e asturianos, estamos por tanto diante dun turismo de maior proximidade”. O turismo internacional que acude a Ribadeo está liderado por alemáns e franceses, seguido de ingleses, italianos e cidadáns procedentes dos países do leste.

Ana Martínez tamén se referiu aos peregríns, “no mes de xullo pernoctaron no albergue de Ribadeo, nas proximidades do Cargadeiro, 324 persoas, e durante os dez primeiros días do mes de xullo aloxáronse nesas instalacións 118. A partires de agora co aumento progresivo de peregríns que se está a producir abriráse de novo o albergue municipal habilitado desde o ano pasado na escola rural de Vilela e que conta con 34 prazas máis. Atendendo á orixe destes camiñantes a Santiago a súa procedencia é fundamentalmente de Madrid e Cataluña seguidos de Valencia. Os alemáns e os chegados dos países do leste son os extranxeiros que más deciden facer o Camiño Norte, seguidos de franceses e sudamericanos”.