O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, sinalou que “a pesares do mal tempo que tivemos na comarca e aquí en Ribadeo estes días de plena tempada estival, eu creo que dende o punto de vista do turismo non se pode dicir que estea indo moi mal, sobre todo, a xulgar polos datos que nos ofrecen as persoas encargadas da oficina de turismo de Ribadeo e do punto de información turística que temos instalado por primeira vez na praia de As Catedrais. Aproximadamente, esta fin de semana, viñeron facer consultas, que iso quere dicir que igual hai mais xente que se queda fora esperando aos que van preguntar, da orde das 1.500 persoas. Foron rexistradas moitisimas mais aquí na oficina de turismo que na praia de As Catedrais, dado que na praia o sábado fixo mal día e o domingo aínda que estivo mellor non se puideron recuperar os índices doutras semanas. A cifra é de mareo, de vértigo, 1.500 turistas acudiron a pedir información sobre Ribadeo”. 

Suárez Barcia explicou que “ademais de interesarse pola nosa vila, os visitantes desexan información sobre a comarca e incluso sobre Galicia. Todo isto é consecuencia de que Ribadeo é porta norte da Mariña, porta norte de Galicia e porta norte do Camiño de Santiago. Por isto, precisamente, se está notando un repunte de peregrinos que está usando o camiño norte, o camiño que pasa por Ribadeo”.

O rexedor engadiu que “está habendo unha afluencia moi grande de xente que ven de Madrid, o cal é unha tónica habitual aquí en Ribadeo, estase incrementado o número de cataláns, vascos e sobre todo estase confirmando, o que xa dixemos hai unhas semanas, o repunte de turismo galego, quizais pola crise, a xente ten o radio de acción de turismo máis limitado que antes. Os turistas non collen o avión para ir ao extranxeiro e quedan por aquí, notamos moita xente de Pontevedra e doutros puntos da xeografía galega. Ademais, Ribadeo estase convertindo nun destino do turismo internacional e estamos vendo moitos franceses, ingleses, alemáns ou mesmo italianos pedindo información turística tanto no punto de información da praia de As Catedrais como na oficina de información de aquí de Ribadeo”.

Fernando Suárez destacou “a importancia que están tendo estes folletos que estamos dando, por primeira vez, en varios idiomas sobre a praia de As catedrais, sobre as mareas e sobre como moita xente non entende o feito de que lles recomendemos visitar a praia unha hora antes da baixamar. Moitas veces, a xente non ten o concepto de preamar e baixamar e cústalles entender como, dende os puntos de información turística, se lles recomenda que vaian en marea baixa. É algo no que se está traballando, que se está valorando moi positivamente por parte dos turistas e dos visitantes e estamos tomando nota  para o ano que vén poder mellorar incluso máis, toda esta oferta coa que traballamos con toda humildade e penso que con moita eficacia nesta época estival, este ano aquí, en Ribadeo”.