Concello de Ribadeo
Servizos para o emprendemento
O Concello de Ribadeo, consciente da necesidade de desenvolver o espírito empresarial a nivel local, conta cun servizo de titoría personalizado para apoiar e asesorar a túa idea de negocio e para que este chegue a converterse nunha empresa viable, de calidade e con sentido de futuro.
O noso traballo neste senso realízase a través de:
Promoción da cultura emprendedora, con actividades deseñadas para poñer en valor o emprendemento e para xerar unha nova cultura empresarial.
Información e apoio a todas aquelas persoas que desexen instalar a súa empresa no concello.
Asesoramento para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais que supoñan a creación de emprego, a diversificación da actividade económica do territorio e unha maior oferta que satisfaga as novas demandas da poboación. Neste senso informamos sobre as formas xurídicas, os trámites de constitución de empresas, a lexislación vixente… ao tempo que prestamos asesoramento na tramitación de axudas e subvencións e na procura de financiamento.
Difusión das oportunidades e das potencias de negocio en Ribadeo, a través dunha serie de medidas entre as que destaca a edición de guías especializadas.
Guías para o teu negocio
O sector servizos ten un peso significativo dentro da nosa economía local, especialmente o comercio polo miúdo, que posúe unha importante potencialidade de crecemento.
Identificando as novas oportunidades de negocio queremos achegarlle á poboación recursos para diversificar o comercio polo miúdo, de cara a paliar as súas posibles carencias e a promover o autoemprego na nosa localidade.
Con esta finalidade, e logo de analizar as necesidades do comercio local, o Concello de Ribadeo editou 5 microguías dirixidas a detectar oportunidades de negocio concretas a partir da situación actual do comercio en Ribadeo e a facilitarlle ao emprendedor/a unha información específica para concretar aspectos fundamentais da empresa que quere crear. Podes descargalas aquí:
Xunto con estas microguías editouse tamén unha Guía xeral de actividade que ofrece información básica para a posta en marcha dun negocio no eido do comercio polo miúdo (formas xurídicas, trámites, calidade no pequeno comercio e lexislación no eido comercial).