Concello de Ribadeo
Orientación, formación e emprego
A Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo dispón dun servizo de orientación e inserción laboral dirixido tanto a persoas desempregadas como a aquelas outras que desexen mellorar a súa situación laboral.
Dende o servizo de orientación laboral elabóranse diagnósticos individualizados, ao tempo que se ofrece información personalizada sobre os recursos existentes no territorio para a busca de emprego e formación.
A oferta en canto a orientación, formación e emprego organízase principalmente arredor dos seguintes servizos:
Portal de Emprego
O Portal de Emprego “Ribadeo Emprego” vai dirixido tanto ás persoas que buscan emprego activamente como as empresas ou autonomos/as que necesitan incorporar persoal.
Se es unha persoa demandante de empregopoderas ver as ofertas de emprego publicadas e enviar a túa candidatura a aquelas que resulten do teu interese.
Poderás inscribirte a todas as ofertas de emprego que desexes, incluíndo un Currículo adaptado para cada oferta. Na túa conta poderás almacenar estes Currículos e utilizalos de novo para inscribirte a outras ofertas, modificalos ou eliminalos.
Periodicamente recibirás no teu correo electrónico as últimas ofertas de emprego publicadas no portal, así como as novas máis relevantes en materia de emprego e formación.
Se es unha empresa poderás publicar as ofertas de emprego que necesites, recibirás no teu email os CVs das persoas interesadas en inscribirse na túa oferta, e poderás poñerte en contacto con elas para realizar o proceso selectivo.
Programas de emprego
En cooperación coa Dirección Xeral de Traballo da Xunta de Galicia, o Concello de Ribadeo pon en marcha, anualmente, programas de emprego en diferentes actividades de utilidade social a través da oferta de postos de traballo temporais para a realización de obras e servizo no eido da actuación municipal. A condición para poder acceder a estes programas é ser desempregado/a e estar inscrito/a no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Obradoiros de emprego
Os obradoiros de emprego constitúen programas mixtos de formación e emprego dirixidos a mellorar a cualificación profesional das persoas desempregadas maiores de 18 anos. Lévanse a cabo alternando a formación coa práctica profesional, a través da realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública e interese social.