Concello de Ribadeo
Feiras e mercados
As feiras e mercados que teñen lugar ao longo do ano en Ribadeo, verdadeiros puntos comerciais de referencia comarcal, cumpren unha función estratéxica no desenvolvemento económico local, de aí as diferentes actuacións que se deseñan desde o goberno municipal para dinamizar e apoiar estes espazos.
Os máis importantes e coñecidos, fóra e dentro do municipio, son:
Mercado do Nadal
Aínda que a súa orixe é moito máis antiga, o mercado do Nadal, tradicionalmente vencellado á venta de produtos da temporada e agasallos, recuperouse de novo no ano 2003. Ten lugar na ponte de Constitución baixo unha carpa acondicionada que se sitúa na praza central da vila.
Coa celebración deste mercado, no que venden as súas mercadorías artesáns e vendedores de manufacturas e produtos do campo, o Concello de Ribadeo quere poñer en valor a artesanía local e colaborar na dinamización socioeconómica do municipio.
A súa celebración vén acompañada de actividades de animación para todo o público: obradoiros de artesanía, contacontos, mostras de oficios tradicionais, concertos, animación de rúa… así como dunha exposición de artesanía.
Mercado dos domingos
Coa recuperación do mercado dos domingos, tradicional en Ribadeo a pesar de que non se formalizara desde o ano 1962, o Concello revaloriza e fomenta a diferenciación dos produtos locais e apoia a creación dun espazo de calidade para a súa comercialización.
Xunto con esta iniciativa naceu tamén a Asociación de Produtores da Horta A Sucadoira, que é a verdadeira protagonista deste mercado.
Durante o inverno ten lugar no segundo domingo de cada mes na praza de abastos, mentres que no verán se celebra, todos os domingos, nas inmediacións desta.
Mercados dos mércores
Ten lugar todos os mércores do ano nas inmediacións da praza de abastos, onde se poden adquirir gran variedade de produtos de primeira calidade.
Feira de produtos da horta
Realízase con motivo do peche da campaña de verán do mercado dos domingos e iniciouse grazas ao traballo do grupo de desenvolvemento rural da Asociación Puente de Los Santos, a través do programa Leader.
Os seus obxectivos son fomenta re poñer en valor os produtos locais da horta, artellando así un espazo para os produtores do agro da localidade.
Ten lugar na praza central da vila nunha fin de semana da segunda quincena de setembro e grazas en boa medida á colaboración da Asociación de Produtores da Horta A Sucadoira.
Praza de abastos
A praza de abastos, principal referente da comercialización de produto fresco en Ribadeo, conta cunha situación privilexiada no corazón da vila. Dispón ademais dunha zona de aparcadoiro gratuíto situado ao pé desta e mais do Centro Comercial Aberto de Ribadeo, o que permite mercar con comodidade ao tempo que se dá un fermoso paseo pola vila.
Foi construída en 1935 sobre nuns terreos doados por Ramón González e preséntase como un edificio de estilo funcionalista, cunha estrutura de ferro á vista e unha interesante composición de fachadas.