En outubro, comezaron en Educación Primaria os obradoiros sobre Habilidades para a vida, que se están a desenvolver durante todo o curso en 5º e/ou 6º no Ceip Gregorio Sanz, de Ribadeo, no Colexio Sagrado Corazón tamén de Ribadeo, no Ceip Celso Currás, de Trabada, no Ceip Plurilingüe de A Pontenova, no Ceip de San Miguel de Reinante e no Ceip de San Cosme de Barreiros. En total participan 158 alumnas e alumnos de 10 a 13 anos. 

Desde a Concellaría de Servizos Sociais, Mónica Freire, explica que “a educación en Habilidades para a Vida pretende dotar a cada persoa dunha batería de recursos persoais que lle axuden a obter o mellor de si mesmas, do seu mundo relacional e do entorno social, contribuíndo a previr riscos psicosociais de diversa natureza (abuso de drogas, acoso escolar,etc)”.

Desde o Programa de Prevención de Drogodependencias e Outros Trastornos Aditivos indican que “a 1ª sesión trata sobre a Autoestima, a 2ª sobre a Empatía e a 3ª  sobre a Asertividade (en concreto, formas de dicir NON). A  metodoloxía usada son audiovisuais e dinámicas de grupo co alumnado, polo que lles resulta moi ameno e divertido. Traballamos aula por aula, con grupos pequenos”.

Tamén se están a desenvolver actividades en Educación Secundaria e equivalentes: Houbo unha charla informativa organizada o 21 de novembro sobre a Prevención do abuso de videoxogos/xogos de azar, a cargo da asociación Agalure de A Coruña, no que participaron 118 alumnos-as de 4º de ESO e FP Básica (15-16 anos)

E hai outras programadas para as vindeiras semanas. Así vaise celebrar unha charla coloquio sobre Instagram, Tik Tok e  outras apps e a súa influencia no trastorno dismórfico corporal, que se celebrará o día 24 de abril para 2º e 3º de ESO e para FP Básica cun total de 153 alumnas e alumnos participantes de entre 13 e 16 anos. “Esta problemática parécenos tan importante que a imos a realizar tamén para familias e persoas interesadas en xeral”, segundo subliña Freire Rancaño. 

A concelleira de Servizos Sociais engade: “estamos tamén desenvolvendo un programa de Prevención Secundaria co alumnado de FP Básica do CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, sobre o consumo de cannabis (marihuana e haxíx) no que participan 15 adolescentes de entre 16 e 19 anos”.

Os centros de secundaria participantes son o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, o Colexio Sagrado Corazón e o CIFP Porta da Auga con alumnado de ESO e de Formación Profesional Básica. En total, entre 150 e 200 alumnas-os, dependendo do proxecto, xa que van dirixidos a distintas idades. 

Desde o programa de Prevención de Drogodependencias e Outros Trastornos Aditivos do Concello ribadense e desde a Concellaría de Servizos Sociais agradecen “coma sempre a enorme colaboración de todo o persoal docente, equipos de dirección e equipos de orientación dos centros participantes.  Pódense seguir todas estas actividades e cómo as imos desenvolvendo nas páxinas de Facebook e Instagram de adiccionszeroribadeo”.