O Concello de Ribadeo ofreceu esta mañá unha recepción aos representantes institucionais de Talmont-Saint-Hilaire, que acompañan aos participantes na XII Regata Transgascogne 6.50. Ao acto, que estivo presidido polo alcalde, Fernando Suárez e por Michèle Daviet, asistiron representantes de tódolos grupos políticos ribadenses.

Fernando Suárez deu a benvida a todos eles, presentou a tódolos compañeiros da corporación, e suliñou que “para nós, este evento deportivo, que é o primeiro destas características que acolle a nosa vila, fai que se potencie máis o porto e se poña en valor o potencial turístico de Ribadeo”. O rexedor engadiu que “aínda que o noso porto deportivo non ten tanta tradición na vela, estamos traballando para mellorar e esperamos que este non sexa o único, senón o primeiro evento dunha longa listaxe”.

O alcalde entregoulle a Michèle Daviet, un grabado do casco antigo e un escudo de Ribadeo como recordo deste encontro que desexa repetir.