Suárez Barcia manifestou que “cara ao novo ano debemos enfocar numerosas accións e numerosas actuacións que temos que ir facendo de aquí en adiante, pero tamén debemos valorar o que significaron neste Nadal as actividades que organizou o Concello. Unha desas actividades moi importante, que o Concello organizou coa colaboración da Asociación de Comerciantes, foi a pista de xeo”.

O alcalde ribadense salientou que “esta iniciativa que este ano chegou á súa terceira edición, e que fomos os únicos da provincia de Lugo que tivemos esta pista de xeo natural XL a disposición de todo o mundo. Pero ademais fixémolo con ánimo de que a xente viñera a Ribadeo, de aí que da man de Acisa fixemos esas propostas de que a xente que comprase en Ribadeo puidera ter unha bonificación do 50% no acceso a esa instalación”.

Fernando Suárez engadiu que “se ben é certo que non temos os datos aínda concretos do número de visitantes e de recadación porque están aínda a nivel contable traballando desde a área de Intervención, si que podemos dicir que está na liña do ano anterior aproximadamente, un pouquiño máis ou un pouquiño menos. Isto significa algo moi positivo, significa que veu unha chea de xente a Ribadeo, e que a posible perda, porque nunca recadamos todo o que nos custa, hai que ter en conta que contratamos persoal un mes practicamente, o custo de licitar a pista, o subministro eléctrico, etc…, non debemos estimalo como un gasto senón como unha inversión para Ribadeo, para o comercio local e para os alicientes que ofrecemos para que a nosa xente non se vaia para outros sitios e a de fora veña para Ribadeo”.

Para o rexedor “ese obxectivo foi cumprido como nestes últimos anos, e parécenos unha boa inversión destes recursos públicos nesta pista de xeo no Nadal en Ribadeo”.