O rexedor fixo unha valoración da sesión plenaria, “neste primeiro pleno ordinario deste novo mandato debo destacar a cordialidade e a normalidade en todas as actuacións por parte de todos os membros dos diferentes grupos que formamos a Corporación Municipal na súa medida. Todos os temas que ían a pleno foron adiante, uns contaron con máis apoios que outros, pero todos foron aprobados. A oposición está no seu papel de facer a súa crítica ao goberno como mellor estime”.

Fernando Suárez sinalou que “a política en materia de turismo desde o Concello de Ribadeo estámola a crear porque non había nada creado ata hai prácticamente catro anos, estamos ampliando as iniciativas e cada vez Ribadeo é un sitio máis turístico e queremos depositar todos os nosos esforzos en facer de Ribadeo un lugar atractivo para a xente. Pero hai cuestións nas que non queremos estar como é o caso da asociación Villas Marineras, na que temos que pagar uns 8.000 euros ao ano e na que a virtualidade é cero. A xente pode vir por outros conductos ou pode vir por outras promocións, pero a través dunha asociación onde realmente nos cinco anos que levamos nela non vimos nada agás o pago dos 8.000 euros anuais non”. O alcalde anunciou que “eses cartos queremos empregalos en promocionar e difundir o turismo desde outras perspectivas como unha boa atención da oficina de turismo e o reforzo de persoal neste ámbito”.

Outro dos asuntos aprobados definitivamente foi un novo convenio urbanístico, “con éste é o terceiro xa que os outros dous se fixeron a finais do mandato anterior. Éste bebe do mesmo criterio de consenso que no urbanismo nos estamos a marcar nestes últimos anos e ogallá que non me equivoque e sigamos así”. Suárez Barcia subliñou que “de feito no día de hoxe estamos reunidos nunha nova xuntanza para tratar aspectos do Pxom e do novo Pepri. E estamos nunha comisión formada por todos os representantes dos grupos políticos, algo que quixemos facer desde o goberno dado que pola correlación de forzas había algún grupo político que non podía estar en todos os sitios. Nós renunciamos a ter maior presencia a costa de estar todos para intentar dunha vez por todas aprobar canto antes os documentos e o planeamento urbanístico tanto no concello de Ribadeo no seu conxunto como no casco histórico”.

Tamén foi aprobada a proposta da Alcaldía para establecer as medidas que permitan reducir e compensar os danos producidos polos xabariles nos cultivos do concello de Ribadeo. Votou a favor o BNG, abstívose o PSOE e votaron en contra os concelleiros do PP e de UPRI. O alcalde ribadense manifestou que “desde o goberno municipal e en virtude dunha reunión que mantivemos entre os alcaldes dos concellos afectados (Barreiros, Trabada e Ribadeo), labregos e cazadores quixésmolle pedir á Xunta, que en aplicación da súa propia normativa, permita a realización de batidas de forma automática en todos os concellos que superen os cinco avisos de danos do xabaril aos cultivos no 2012, establecer o pago por parte da Xunta de todas as axudas aos labregos pendentes desde mediados de 2009 e crear mesas de participación pública nas zonas de conflicto entre cazadores, gandeiros e administración para buscar de xeito consensuado as mellores solucións preventivas e de control dos danos”.

Fernando Suárez engadiu que “esta proposta foi adiante por maioría, aínda que co voto en contra do PP lamentablemente, porque ao PP dalgunha maneira lle doe ter que ir contra a Xunta, cando nós o único que pedimos é que a propia normativa que ten a Xunta sexa aplicada e que pague as débedas que ten pendentes cos labregos e así se pode axudar a paliar estas desfeitas que este impresionante número de xabariles están a causar nos terreos de cultivo do concello de Ribadeo”.

No pleno tamén de abordou a resolución de alegación ao convenio entre o Concello e ACISA de cesión de local e a aprobación definitiva do mesmo. Só o grupo do BNG votou a favor desta cuestión.