BARCIA ESPERA QUE SE VEXA A LUZ AO FINAL DO TÚNEL
O alcalde, Fernando Suárez, agarda que a finais de ano estea rematada a subestación eléctrica de Ribadeo e as obras de mellora na rede de máis de 6 quilómetros de vello cableado na vila. Deste asunto falou cos responsables da compañía tras os últimos micro cortes de luz que se produciron nas últimas horas e que orixinaron queixas da veciñanza e do empresariado local.
O rexedor dixo que "en relación con esta situación de queixa por estes cortes no subministro eléctrico que habitualmente se veñen producindo en Ribadeo e que xeran moitas queixas entre a veciñanza en xeral e entre o pequeno comercio en particular, eu agardo que de aquí en adiante e a curto prazo sexan boas novas as que vaiamos tendo, que vaian encamiñadas a resolver todas estas incidencias que sufrimos".
Suárez Barcia explicou que "digo isto porque despois de estar falando cos responsables da compañía eléctrica e no que ten que ver coa construción da subestación eléctrica e co grao de execución desta obra tan importante, despois de salvar as cuestións xudiciais que tivo o proxecto paralizado durante varios anos e que as obras foron reanudadas hai uns meses, é polo que se me indica por parte da compañía eléctrica que a previsión de remate das mesmas, que ía ter lugar a primeiros do 2018, quizais se poida anticipar a finais deste ano xa que os traballos avanzan con maior rapidez da programada inicialmente. E iso, segundo os responsables da compañía eléctrica, o de que Ribadeo dispoña dunha subestación, que ata agora nunca na súa historia tivo, vai resolver de maneira moi importante toda esta problemática".
O alcalde ribadense engadiu que "por outra banda, tamén me gustaría dicir que a xunta de goberno municipal autorizou varias licencias de obras, que presentou a compañía eléctrica para a renovación e reforzo das instalacións de cableado eléctrico de media tensión no ámbito urbano fundamentalmente. Estas actuacións teñen como misión a substitución de vellos cableados nunha lonxitude aproximada duns seis quilómetros e medio por diversas rúas da nosa vila. Esa rede de vello cableado tamén deu moitas veces nestes últimos tempos a importantes problemas de apagóns, etc. Como agora xa dispoñen de autorización municipal confiamos que se inicien axiña estas obras e o resultado poida estar realizado a finais deste 2017".
Suárez Barcia manifestou: "expreso un desexo, a ver si por fin podemos empezar a ver a luz ao final do túnel, que ven moi acaído para o momento, e ver que esta problemática eléctrica padecida ao longo destes anos se lle pon fin dunha vez por toda. Confiamos que sexa así".
Coñece a oferta cultural e os equipamentos de Ribadeo
Consulta o PXOM e outros documentos de interese urbanístico
Promovemos a economía local e o emprego
Infórmate sobre os servizos sociais que presta o Concello
Axúdanos a conseguir un Ribadeo sen discriminacións
Loitamos pola conservación do noso medio natural
© 2008 Concello de Ribadeo