BARCIA TILDA DE "IMPRESIONANTE" A ACHEGA PARA A RÚA ALZA
O alcalde, Fernando Suárez, critica que a Xunta tan só aportara 6.500 euros para o arranxo da rúa Alza, que onte visitaba o delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro. O presuposto desta obra ascendeu a 56.000 euros aportados na súa maioría pola Unión Europea e polo Concello. O rexedor deu a coñecer unha sentencia ademais na que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle da a razón ao Concello fronte á Xunta, que lle adebeda desde hai dous anos a subvención de 83.000 euros correspondente á segunda fase da obra realizada na rúa Ramón González.
O alcalde de Ribadeo sinalou: "xa dicían os vellos que é boa verdade que cae antes un mentiroso que un coxo, porque logo parece que a Ribadeo lle caese o gordo do Nadal neste último sorteo pola chea de cousas que a Xunta de Galicia fixo nestes últimos tempos. E o certo é que desgraciadamente só fan aquilo que estritamente nos corresponde por lei e nin iso, porque se fora así igual ata non tíñamos moito que dicir, pero lamentablemente non é así".
Suárez Barcia referiuse "á rúa que onte visitou o señor Balseiro e que custou en total arranxala, modernizala e botarlle aglomerado asfáltico, 56.000 euros, grazas á Unión Europea e ao Concello de Ribadeo fundamentalmente. A pregunta é se sabe a xente canto puxo de xeito efectivo a Xunta de Galicia nesta obra duns 56.000 euros. Pois puxo nada máis e nada menos que a impresionante cantidade de 6.514´05 euros, o que supón un 11´57% do total. O resto, practicamente un 50% pono a Unión Europea, o 5% o Estado que tampouco pon demasiado, e o Concello pon a diferenza, o 33%. O Concello pon o triplo do que pon a Xunta de Galicia". O alcalde de Ribadeo insistiu: "estaríamos xa satisfeitos se nos deran o que nos corresponde, e digoo tristemente porque nin iso".
O rexedor fixo pública hoxe unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, "onde nos dá a razón e quítalla plenamente á Xunta ademais dun rapapolvo que lle mete, para que nos pague a subvención de 83.000 euros que desde hai dous anos nos está negando por, segundo ela, presentala fora de prazo. Neste caso falamos da segunda fase da rúa Ramón González que se fixo hai dous anos. Cando a execución da obra e a súa xustificación se fixo estritamente ben e estritamente con arranxo ás bases das subvencións que a propia Xunta ditou e aprobou".
Fernando Suárez espera que "os representantes da Xunta cando queiran vir por aquí pasear e tomar o café que veñan sempre, sempre terán unha man aberta para recibilos, pero que cando menos que deixen algo, e desde logo que conten a verdade".
Coñece a oferta cultural e os equipamentos de Ribadeo
Consulta o PXOM e outros documentos de interese urbanístico
Promovemos a economía local e o emprego
Infórmate sobre os servizos sociais que presta o Concello
Axúdanos a conseguir un Ribadeo sen discriminacións
Loitamos pola conservación do noso medio natural
© 2008 Concello de Ribadeo