RIBADEO, IMPORTANTE POLO DE ATRACCIÓN COMERCIAL
A xunta de goberno local ven de concederlle licenza de obra a Mercadona. A firma disporá de seis meses para iniciar as obras para a súa implantación en Ribadeo e de tres anos para concluílas. O investimento que realizará, segundo figura no proxecto, será de 2 millóns de euros. No Concello Mercadona ingresou 70.000 euros en concepto de taxas e de impostos de construción, instalación e obras, segundo deu a coñecer esta mañá o alcalde.
O rexedor explicou que "na xunta de goberno que celebramos onte á noite, entre outras autorizacións e licencias de obra, demos a do supermercado Mercadona, que levantou desde hai tempo unha certa expectación en Ribadeo, polo que moitos xornalistas levan tempo preguntando".
Suárez Barcia declarou que "onte, despois de toda unha tramitación que desde os servizos técnicos e xurídicos lle foron requirindo a esta empresa, finalmente despois de cumprir todo e de adaptarse ao Plan Xeral e ao resto de normativa vixente, a xunta de goberno outorgoulle a licenza de obra. E agora terá seis meses para empezar as obras e tres anos para concluílas. Estas son as regras xerais para todo tipo de licencias de obra, sen prexuízo de que esa empresa queira facelo antes".
O alcalde dixo: "desde o Concello queremos dicir que para nós ten a mesma importancia calquera das áreas comerciais ou das infraestruturas de comercio e de servizos que xa están en Ribadeo instaladas desde hai tempo como as novas, como é o caso desta, ou outras que puideran vir no futuro. Non estamos nin máis contentos nin máis tristes, pero si constatamos que Ribadeo segue sendo un polo de atracción comercial moi importante, eu penso que o maior de toda A Mariña e, sen dúbida, do Occidente asturiano".
Sobre o proxecto presentado por Mercadona no Concello Fernando Suárez sinalou que "o investimento será duns 2 millóns de euros e ao Concello de Ribadeo ingresoulle en concepto de imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) e taxas uns 70.000 euros".
O rexedor engadiu que "ademais desde os servizos técnicos do Concello suxeriron e incluíron como unha obrigación a necesidade de que teña unha alternativa de saída de tráfico para evitar problemas na avenida da Ría de Ribadeo. Polo tanto a empresa ten que custear o aglomerado e a conversión dun camiño cun servizo que a día de hoxe é bastante pequeno, para unhas vivendas e pouco máis, nunha estrada con aglomerado asfáltico, para poder xestionar o tráfico no caso de que teñamos que facer un circuíto circular: de entrada pola estrada principal, a avenida da Ría de Ribadeo, e saída polo súa parte de atrás. Isto é algo que a empresa se compromete a financiar".
Fernando Suárez recalcou: "sabemos que estas iniciativas económicas xeran emprego e hai un amplo interese por parte de moita xente que pregunta sobre a presentación dos currículos para os traballos. Eu remítome ao que dixo hai uns días a miña compañeira, a tenente de alcalde que leva a área de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, acerca dunha polémica que había sobre onde se entregaban os currículos: tanto para esta iniciativa económica como para calquera outra desde o Concello non xestionamos eses currículos, non seleccionamos a persoal ningún para actividades ou para empresas que non teñan que ver co Concello de Ribadeo; polo tanto os interesados ou interesadas no seu momento entendemos que os deberán levar a eses negocios, a través das súas páxinas web ou dos seus servizos de recursos humanos, completamente alleos ao Concello. O que fai o Concello de Ribadeo, igual que outros Concellos, é ter persoal para axudar a confeccionar os currículos, pero dunha maneira xenérica. Para que non se dean malas interpretacións insisto en que aquí non fan nada os currículos nin para o Mercadona nin para ningunha outra iniciativa comercial de Ribadeo, das que se montaran ou das que se poidan instalar, polo menos na nosa época de goberno".
Coñece a oferta cultural e os equipamentos de Ribadeo
Consulta o PXOM e outros documentos de interese urbanístico
Promovemos a economía local e o emprego
Infórmate sobre os servizos sociais que presta o Concello
Axúdanos a conseguir un Ribadeo sen discriminacións
Loitamos pola conservación do noso medio natural
© 2008 Concello de Ribadeo