Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Ribadeo Indiano

A VILA ESTIVO REPLETA DE XENTE DURANTE OS TRES DÍAS DE FESTA

Éxito do Ribadeo Indiano

13/07/2015

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, fixo unha valoración moi positiva da segunda edición do Ribadeo Indiano, que rematou onte e que encheu de xente a vila durante tres días. A edil fala dunha asistencia de arredor de 25.000 persoas e dun impacto económico de 3 millóns de euros.

Martínez fixo unha valoración moi positiva do evento: "creo que poucas veces se viu Ribadeo tan cheo de xente. O venres pola tarde, cando arranca este evento, e xa durante toda a xornada do sábado puidemos ver como por Ribadeo saían modelos de 1900-1920, como a xente se caracterizaba para gozar deste evento. É unha satisfacción enorme que un festexo que leva apenas dous anos rodando calase deste xeito tan positivo entre a xente de Ribadeo e por extensión a toda a comarca, porque se trasladou a Ribadeo xente dos arredores, probablemente de case todos os concellos. E a maiores houbo xente que se desprazou dun xeito expreso para vir gozar deste Ribadeo Indiano, como foi un caso concreto dun grupo de turistas que desde Miami arrancaron nos San Fermines e logo chegaron a Ribadeo precisamente para o evento. Tamén familias enteiras, me comentaban nalgúns hoteis, que ao ver o evento o venres pola tarde pedían quedarse e mesmo acudían aos establecementos comerciais a mercar roupas para caracterizarse e vivir de xeito directo e real este Ribadeo Indiano". A edil nacionalista cre que "isto é o reflexo do que realmente supón o Ribadeo Indiano no conxunto da poboación".

Para a concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo "a importancia da conxugación do que é a historia coa festa deu lugar a un cóctel magnífico. Creo que nesta festa participan tanto desde os nenos máis cativos das familias ata os avós. É unha festa na que para moitos aínda supón unha certa proximidade a esa emigración a América e dá un pouco o xogo de vivir o que viviron os nosos avós".

Sobre o impacto económico que o Ribadeo Indiano tivo na vila Ana Martínez sinalou que "en termos de vendas, de hostalería e de turismo, foi impresionante. Falábamos onte de noite con varios dos sectores e calculábase que o impacto económico que tivemos en Ribadeo desta fin de semana rolda os 3 millóns de euros, con máis de 25.000 persoas que viñeron a gozar do Ribadeo Indiano. Eu creo que o reflexo máis claro é que non había un sitio para durmir, que a hostalería esgotou parte das súas existencias, houbo establecementos que aínda que contaban cun gran número de persoas esgotaron as súas reservas. Creo que a clara a expresión do que sucedeu é o que estamos a dicir".

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo cre que "o Ribadeo Indiano supón un pulo económico e turístico para o noso concello dun calado importantísimo. Pero o Ribado Indiano é algo máis, é o inicio da recuperación da historia, da influencia da emigración, desa importancia que tivo a emigración non só en Ribadeo senón en todo o país. Con este Ribadeo Indiano pretendemos ir recuperando documentación e información que dea lugar a un arquivo histórico importante, onde poidamos ir aportando desde os domicilios dos particulares que teñan nos faiados das súas casas información para que ano que ven aínda sexan máis grandes todo este tipo de actividades".

Martínez manifestou que "o Ribadeo Indiano non sería o que é sen a implicación da xente, sen a implicación de todos os sectores, de particulares que estiveron aí traballando e facendo que as exposicións funcionasen e que as conferencias fosen do máis atractivo. Tamén á Coral Polifónica co seu Festival de Habaneras, que se trasladou ao Ribadeo Indiano, a Banda de Música Municipal, a compañía de teatro, podería aludir a moita xente e probablemente me poida esquecer dalgúns e non quero facelo. Agradecerlles a todos e cada un dos que participaron as súas achegas, creo que o Ribadeo Indiano é de todas e de todos os ribadense e por iso o gozamos e queremos que o ano que ven aínda sexa máis grande se cabe".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo