Desde o 30 de marzo ata o 27 de abril de 2020 o Concello de Ribadeo destinou 32.550 euros aos 651 cheques que as familias máis vulnerables puideron canxear nos supermercados adheridos a esta campaña (Lidl, Día, Gadis, Eroski Center e Hipermercado Eroski) e na praza de abastos. En total foron 512 as persoas beneficiarias. Esta foi unha das actuacións de emerxencias social que o Concello levou adiante durante o estado de alarma “co fin de contribuír a que as persoas residentes no termo municipal de Ribadeo teñan cubertas as súas necesidades básicas”.

Durante todo este tempo o Concello continuou co programa de reparto de alimentos, a través do Banco de Alimentos municipal, “que se viu reforzado de xeito moi importante”. Na actualidade son 230 as familias que están a ser atendidas. Foron repartidos 16.451 quilos de diversos produtos que foron aportados pola Cruz Vermella e polo Banco de Alimentos: legumes, pastas, galletas, conservas, potitos, leite, aceite, froitas, queixo, patacas, pementos, tomates, cebolas, polo, magro de porco, entre outros. A maiores o Concello procedeu á compra e ao reparto doutros 18.999 quilos de alimentos, nos que investiu 30.463 euros: leite, café, legumes, fiambres, pastas, galletas, azucre, cereais, xamón, pavo, pescada, papillas, potitos, conservas ou produtos de limpeza, entre outros”.

O alcalde, Fernando Suárez, tamén subliña que “desde o 1 de abril se están a facer desinfeccións semanais nas residencias de maiores de Ribadeo e desinfeccións periódicas nestes centros contratadas a Tragsa e a Lema. Tamén se realizan desinfeccións diarias no casco urbano da vila coa varredora, co camión de incendios e con sulfatadoras e desinfeccións puntuais nos cascos urbanos de Ribadeo e de Rinlo así coma o lavado dos contedores de recollida do lixo”.

E engade que “desde a declaración do estado de alarma se lle foi entregando todo o material de protección necesario aos traballadores municipais, principalmente máscaras, guantes de nitrilo e látex e xel hidroalcohólico, tanto individualmente como actuacións colectivas, dispoñendo dispensadores de xel nas distintas edificacións e instalacións municipais. Procedemos a entregar material no Hospital Asilo e no Centro de Atención a Persoas Maiores (nova residencia), así como ao persoal do CEIP Gregorio Sanz e do Xulgado de Paz. E a través da Policía Local foise facendo entrega de material de protección á veciñanza e aos diversos negocios esenciais que se encontraban abertos durante este tempo”.

Suárez Barcia tamén se refire ás facturas pagadas a provedores:”o procedemento de tramitación e pagamento da facturación por subministradores e contratistas no Concello desde o inicio do estado de alarma ata a actualidade seguiu a funcionar con normalidade, ou en todo caso coa normalidade que era de agardar nas circunstancias excepcionais nas que nos movemos. Desde o inicio deste 2020 e ata mediados de abril foron aprobadas 22 relacións de facturas, das que 12 corresponden a este prazo, por un importe de 546.000 euros”.

O rexedor di que o “o Concello interpretou a normativa tributaria e fiscal do xeito máis favorable para os nosos veciños e comerciantes” e alude ao decreto do 3 de abril “no que se entendía que non procedía esixir as taxas e/ou prezos públicos que gravan certas actividades ou servizos que presta o Concello de Ribadeo, ou as taxas pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público municipal en certos supostos como terrazas, mercados, escola de música, escolas deportivas, etc). Tampouco procedía esixir os importes correspondentes por actividades ou servizos que presta o Concello como a subministración de auga ou a recollida do lixo”.