A Concellaría de Cultura e a Oficinal Municipal de Información Xuvenil elaboraron un programa de actividades destiñadas aos nenos para que poidan disfrutar “neste tempo de ocio e de lecer que van ter na semana santa”, segundo explica a edil, Mariluz Álvarez Lastra. Serán os días 6, 7 e 8 de abril en diferentes escenarios da vila ribadense, coma o telecentro, o parque de San Francisco ou a biblioteca municipal. As actividades terán carácter gratuito e só fará falla inscribirse para participar no fútbol 3×3 e nos xogos educativos no telecentro. Os interesados poden anotarse no número de teléfono 982 120 808.

O luns 6 de abril haberá fútbol 3×3 tanto pola mañá como pola tarde no Cantón dos Moreno, a partires das 11:00 e das 16:00 horas respectivamente. Os xogos educativos no telecentro serán de 11 a 12 para os nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos, de 12 a 13 horas para os de 6 a 9 e de 17:00 a 18:00 para os rapaces maiores de 10 anos. Ese día, o luns 6 de abril, de 16:00 a 18:00 horas “teremos unha actividade denominada Patina en familia, na que non haberá límite de idade para participar, contaremos con monitores especializados e poderá participar toda a familia, incluidos os pais e as nais dos nenos. As actividades desta semana santa están enfocadas non só para que os nenos as disfruten, senón para que os seus pais poidan participar con eles nos distintos xogos que hai”, segue a relatar a concelleira da Cultura. Haberá tamén unha cita cos bolos a partires das cinco da tarde no parque organizada polo clube de bolos Ribatra.

O martes 7 de abril pola mañá haberá fútbol 3×3 e as actividades no telecentro ao igual que pola tarde e “nesa xornada teremos tamén unha actividade de animación á lectura O conto dos sete mares ás 17:30 horas na biblioteca municipal para toda a familia”.

E xa o mércores 8 de abril ás 11:00 da mañá na biblioteca municipal haberá de novo animación á lectura cos Contos da vía láctea e pola tarde será tempo de catro a sete para os xogos de sempre e de agora, como bicis e aros, zancos e carreira de sacos, as mazás penduradas, brilé e pano, tres en raia… serán actividades nas que poderá participar tamén toda a familia e o domingo 12 de abril ás 17:30 horas no Auditorio Municipal a compañía La Tirita porá en escea a obra El Romeo y La Julieta. Mariluz Álvarez Lastra sinala que “repartiremos folletos polos centros de ensino para que os nenos teñan toda a información que precisen sobre estas actividades das que van poder disfrutar na semana santa de xeito totalmente gratuito”.