Mónica Fernández Lamparte explica que “co inicio do curso académico tamén comeza a oferta de actividades desde as diferentes Áreas do Concello co obxecto de dinamizar e impregnar de valores ao estudantado dos centros educativos de Ribadeo. Despois de varias xuntanzas das técnicas do Programa de Prevención de Drogodependencias e outros trastornos aditivos, Cultura, Mocidade, Desenvolvemento Local e Igualdade coas representantes dos centros educativos se estableceu un programa de actuación ao longo de todo o curso”. O Concello organizará desde as Áreas de  Cultura, Desenvolvemento Local, Educación e Igualdade, Mocidade e Servizos Sociosanitarios unha serie de actividades que van desde:

Programa de prevencion de drogodependencias
Realizaránse nos centros de ensino de Educación Primaria os Obradoiros de Prevención de Adiccións, “nos que este curso introducimos por  primeira vez as adiccións sen substancia. Participarán os centros dos concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada e A Pontenova, cun total de 141 alumnos e alumnas de 5º/6º de EPO. Son 4 sesións a desenvolver ao longo do curso”, sinala a responsable do Programa de Prevención de Drogodependencias, que segue a relatar que  “para o alumnado de 1º e 2º de ESO, teremos o programa de Educación en Valores, Cinensino, e participarán o Colexio Sagrado Corazón e o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros cun total de 238 alumnas e alumnos e 11 profesores e profesoras. Ademais No C.I.F.P Porta da Auga realizarase o programa Non pasa nada, pasa algo?, trátase dun programa de prevención do consumo de cannabis (porros), con 19 alumnos de Formación Profesional Básica. Tamén con este alumnado e con 61 alumn@s de 3º de ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo se vai a traballar o Programa de Educación Sexual e Prevención de VIH-SIDA e outras enfermidades por parte da asociación ASEDUC”.

Educacion en igualdade
Fernández Lamparte conta que “para Educación Secundaria desenvolveránse uns Obradoiros dirixidos ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO do e tamén a alumnado do CIFP Porta da Auga . Nesta actividade utilizaráse a música como enganche para traballar as ideas sobre o amor romántico e as relacións de parella. Hai programados tamén talleres sobre: As novas masculinidades e cambio social para os alumnos e de autodefensa para as alumnas, ciberviolencias de xénero e un obradoiro para o alumnado do Ciclo de Educación Infantil Contando contos con perspectiva de xénero”.

Para Educación Primaria están plantexados os Contacontos para alumnado de Educación Infantil . Para 3º e 4º de Primaria haberá un ciclo de cinema de varios filmes, “cos cales se traballará o tema da igualdade de xénero. Para 5º e 6º haberá o programa Ribadeo, vila corresponsable e o conto Meiga nova, metade anxo, metade de marisco, pequena biografía de Maruxa Mallo. Está proxectada tamén nos centros educativos a campaña En negro contra a violencia de xénero, con motivo do día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero”.

Cultura e ocio
Xa o pasado 11 de outubro tivo lugar o espectáculo musical A nena que quería navegar, de Redrum Producciones, proxecto destinado a un público familiar, principalmente a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. “Nel tratábase un tema que nos preocupa e desacouga a partes iguais: o acoso escolar. Asistiron alumnos e alumnas dos dous centros de ensino ribadenses. Celebrouse no Auditorio Municipal”.

Contacontos: co galo da conmemoración do Día Internacional do Liibro e do dereito de autoría o 23 de abril ofertárase unha visita á Biblioteca Municipal onde haberá unha actividade de carácter lúdica (pendente de determinar). Tamén haberá unha charla de difusión vinculada ao uso do galego nas redes e ao proxecto Youtubeir@s en particular. O nome que se está a barallar é o de Núñez Singala, escritor e sociolingüista. Ademais, haberá IES literarios con…, que consiste na visita dalgún escritor/a, en galego,  preferentemente do que se lera unha obra que gustara ao alumnado. E o proxecto Apego “no convencemento do papel fundamental que teñen os educadores e educadoras propoñemos para o Ciclo de Educación Infantil a charla de M. Núñez Singala sobre a utilización do galego como lingua vehicular no ensino a esas idades”.

Mocidade
O Programa KTORCE-18 (Programa de prevención de condutas infractoras) da Asociación Arela pretende achegar a Lei 5/2000 de responsabilidade penal dos menores aos seus protagonistas, os e as adolescente. Dende que a Fundación Barrié comezou a colaborar co Programa KTORCE-18, a partires do curso 2012/13, incrementouse enormemente a demanda e a participación, estendéndose a experiencia dende a provincia de Pontevedra a toda a comunidade autónoma. “En Ribadeo ofertarase unha charla divulgativa para os alumnos de entre 2º e 4º de ESO, de 100 minutos de duración, cun claro obxectivo preventivo das condutas infractoras máis salientables nos adolescentes, facendo especial fincapé no acoso escolar, as redes sociais, o maltrato familiar, o consentimento nas relacións, … e en todos aqueles temas e situacións que viven de cerca os adolescentes, explicando as consecuencias legais e a responsabilidade dos menores nas mesmas”, seguen a contar desde o Concello ribadense e engaden que “ofertar materiais didácticos e actividades para a aula, co fin de seguir afondando no traballado nas charlas, a través do portal http://www.fundacionbarrie.org/material_profesionales_familias. As temáticas sobre as que se ofertan os materiais didácticos son as seguintes: redes sociais, acoso escolar ou bullying, violencia filio parental e consentimento nas relacións sexuais”.

Desenvolvemento Local
Durante o presente curso escolar tamén se realizarán xeovisitas ao litoral de Ribadeo: “trátase dun proxecto de intervención educativa  no que participan os Concellos de Cedeira, Burela e Ribadeo a través do proxecto Entre Arcos e Cantís, que pretende implicar a todos os centros do territorio e que ten como obxectivos mellorar o coñecemento do patrimonio xeolóxico, natural e cultural do noso litoral no eido da escola. A incorporación destes coñecementos fomentará a conservación do patrimonio pola cidadanía desde a idade escolar. Estamos ante unha nova forma de redescubrir e valorizar o noso patrimonio cultural e natural a través da súa interpretación e coñecemento. Crearanse  visitas guiadas dirixidas aos centros de educación, que nos permitirá coñecer de primeira man os recursos xeolóxicos do noso litoral”. Esta actividade está dirixida ao alumnado da ESO.