Horacio Cupeiro anunciou esta mañá que “trala recuperación da Casa da Ría, agora  estas instalacións están en disposición de acoller diversas actividades”. O edil explicou que “a primeira das actividades que se levarán a cabo en Santa Cruz está organizada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela  a través do observatorio astronómico Ramón María Aller. Será unha charla sobre reloxos de sol que terá lugar na primeira quincena de agosto, sobre o 7 ou o 8, pero máis adiante poñeremos ao corrente aos veciños”. Ademáis o responsable de Medio Ambiente adiantou que “se vai celebrar tamén entre os días 24 e 28 de agosto, un programa de astronomía sobre o ceo de Ribadeo no que os profesores impartirán charlas e guiarán observacións dende as instalacións da Casa da Ría”.

Por outra banda, Cupeiro revelou que “a través da Dirección de Sostibilidade da Costa e do Mar imos celebrar unhas charlas sobre  as medusas o vindeiro 16 de xullo. O obxectivo desta campaña  é crear unha rede de xeración de avisos co fin de alertar aos que teñen contacto co medio mariño sobre a súa perigosidade”.

Horacio Cupeiro tamén sinalou que “o Concello ven de firmar un convenio de colaboración coa Federación Galega de Cofrarías para a divulgación dunha rede sociocultural con dúas liñas de actuación: unha divulgativa e sociocultural con obradoiros, e outra de creación de infraestructuras formativas con orientadores para o asesoramento fiscal, xurídico, laboral e económico da xente do mar co fin de ofrecerlles tódalas facilidades posibles para o seu traballo”.