O alcalde, Fernando Suárez,  destacou “a unanimidade que houbo en ambos os dous plenos no extraordinario no que se designou a Eduardo Gutiérrez como Cronista Oficial de Ribadeo, a falta agora doutro pleno onde de maneira formal e solemne se lle faga entrega da acreditación para tal mérito. Destacar como digo o compromiso de toda a Corporación, de todos os grupos, como sempre digo aínda sendo diferentes en aspectos importantes como penso que tamén foi este, todos demos unha idea de unanimidade ao Concello”.

O rexedor explicou que “no que ten que ver co pleno ordinario moitos dos puntos eran referidos a dacións de contas sobre os períodos medios de pago e as liquidacións do orzamento xeral do exercicio 2015. Dentro do período medio de pago aos provedores previsto no real decreto 635/2014 cumprimos, estamos dentro dos parámetros que se esixen aos concellos. E este recoñecemento extraxudicial de creto ten que ver con facturas que os provedores presentaron en ano natural diferente ao que deberían. Non é culpa do Concello senón deses provedores que, estando advertidos de que deben presentar as súas facturas antes do 31 de decembro de cada ano, fano no ano seguinte e iso xera un trastorno na contabilidade que é necesario resolver como fixemos neste pleno”.

O alcalde ribadense relatou que “outro punto de interese foi aprobado, non por unanimidade pero practicamente con dúas abstencións, o que ten que ver coa petición á Deputación Provincial da cesión de viarios de titularidade provincial na zona das Catedrais. Hai que ter en conta que o Concello está na redacción dun plan especial de todo ese entorno, e o equipo redactor técnico suxire que debe ser o Concello quen de maneira determinante xestione todo ese ámbito no que hai moitísimas administracións, que moitas veces no ámbito das súas competencias chegan a contradicirse entre si”.

Fernando Suárez contou que “foi tamén adiante a estimación parcial dunha alegación contra aquela modificación da ordenanza medioambiental para que os cans puidesen frecuentar espazos públicos habilitados para tal fin. Mantemos a esencia do que aprobamos no pleno anterior, pero limitándoo á época estival que é cando realmente pode haber máis problemas porque no resto do ano non detectamos ningún problema porque alguén vaia co seu can pasear por calquera praia”.

O rexedor manifestou que “no que ten que ver coas mocións, houbo unha moción inicial do PSOE que expuña unha serie de revisións do IBI para o futuro. Ao noso xuízo criamos un pouco vago e un pouco indefinido ese plantexamento e que non se adaptaba á lexislación vixente. Por parte do goberno propuxémoslle ao concelleiro do PSOE unha proposta de emenda que foi secundada por ese concelleiro e tamén polos demais grupos da Corporación. Acordamos todos por unanimidade tratar neste mesmo ano a modificación da ordenanza do IBI para a redución da carga impositiva dos edificios vinculados ás explotacións agrogandeiras, dentro da capacidade estrita que a lei permite, singularmente e unicamente aqueles que estean de alta. Tamén aprobamos tratar o compromiso de inclusión ou de revisión da ordenanza fiscal doutras bonificacións potestativas que tamén están recollidas na lei de facendas locais como as relativas ao aforro enerxético ou tamén a familias numerosas”.

Suárez Barcia engadiu que “tamén aprobamos unha declaración institucional sobre o apoio unánime do Concello de Ribadeo aos traballadores e traballadoras da planta de aluminio en San Cibrao, pola súa incerteza nestes últimos tempos sobre unha posible venda desa multinacional americana a non se sabe moi ben quen e as consecuencias que iso pode ter”.

Finalmente o rexedor concluíu sinalando que “houbo unha serie de rogos e preguntas feitos pola oposición que intentamos sempre cumprir na medida do que podemos, como máis papeleiras ou algunha fonte que se pediu nova e intentaremos ir cumprindo nas seguintes semanas”.