O alcalde, Fernando Suárez, sinalou que “neste pleno importante e extraordinario que tivemos ás nove da mañá, eu como alcalde tampouco quero aportar nada máis do que é a miña colleita propia ou da miña formación política, máis aló do que acordamos entre todos. É un signo moi importante para o presente e para o futuro inmediato que todos os concelleiros das diferentes formacións políticas que estivemos no pleno desta mañá asentísemos e estivésemos de acordo básicamente nos catro puntos que aprobamos unánimemente”.

O pleno acordou apoiar a reivindicación da construcción e posta en marcha dunha residencia da terceira idade en Ribadeo e as xestións feitas pola comisión institucional, conformada polos representantes dos grupos políticos e por membros da plataforma de asociacións veciñais; solicitar da Xunta, como institución determinante na consecución deste obxectivo, a inclusión e previsión en Ribadeo dun centro residencial para maiores dentro do Mapa de Residencias de Galicia que está elaborando; reclamar o necesario apoio, a colaboración e o compromiso do conxunto das diferentes administracións para a consecución deste obxectivo, “porque aínda que a Xunta teña un papel determinante e fundamental debemos todos lograr que o resto de administracións acheguen o hombro nun momento de tanta dificultade económica”, dixo o rexedor. E o pleno acordou tamén apoiar a manifestación convocada pola plataforma de asociacións veciñais para o vindeiro domingo, 22 de abril, ás 12 da mañá na praciña de San Roque.

Suárez Barcia indicou que “como alcalde e como portavoz do meu grupo non quero aportar nada máis e nada menos que o que entre todos acordamos aquí e que non é pouco”. O rexedor considera que “todos estamos a dar un exemplo de que debemos estar por enriba das cuestións partidarias ás que todos estamos adscritos para poñer a cuestión da residencia por enriba de todo iso porque é algo que os veciños e as veciñas de Ribadeo merecen”.