O rexedor dixo que “procedemos a este acendido das luces de Nadal aquí en Ribadeo, que facemos coincidir estes últimos anos coa inauguración do XIV Mercado do Nadal. Traemos unha chea de cousas para que tanto a xente de aquí como os amigos e veciños de toda A Mariña, de todo o Occidente asturiano e todos aqueles turistas que nesta longa ponte veñan a Ribadeo poidan degustar produtos artesáns de alimentación e ver artesanía, coiro, xoiería…”.

Fernando Suárez explicou que “poñemos en marcha este alumeado de Nadal sempre desde o punto de vista sostible, con moitas luces led. Nin nos comparamos nin desafiamos nin a Nova York, nin a Vigo, nin a Londres,  simplemente o facemos con todo o esforzo posible, con todo o cariño e tentamos mellorar con respecto a outros anos, atendendo aquelas suxestións que o comercio local asociado, a través de Acisa, nos foron indicando. Evidentemente non podemos chegar a todos os sitios, pero algo máis que os anos anteriores si que é”. 

O alcalde agarda que “o tempo acompañe nesta longa fin de semana para que todo o mundo nalgún momento desta ponte poida vir a Ribadeo a pasalo ben, a degustar produtos artesáns e que logo despois o resto do mes e durante todo o Nadal que Ribadeo siga a ser un referente do comercio como o é, pero neste caso máis atractivo”.

Os 28 expositores do XVI Mercado do Nadal estarán abertos no parque de San Francisco ata o vindeiro domingo, día 8, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.