Segundo explica Horacio Cupeiro “agora poderemos depositar ese aceite de fritura directamente nas botellas nas que o recollamos. Antes había que ir coa botella e vaciala e agora esa operación non será necesaria porque, insisto, poderemos deixar a botella directamente neses contedores”.

Ditos contedores están ubicados en Vilaframil, nas inmediacións do hipermercado Eroski, preto da vella oficina de turismo, e nas proximidades da praza de abastos. Cupeiro subliñou que “agora na praza hai dous contedores de recollida do aceite vexetal, porque éste é o punto no que máis se depositaba, de aí que decidísemos colocar un recipiente máis”.

Por outra banda, o edil nacionalista lembrou que o vindeiro sábado, 26 de maio, ás 18 horas na Casa do Mar terá lugar unha conferencia sobre compostaxe doméstica. As persoas que asistirán son as que demandaron algún dos 50 composteiros que repartirá o Concello de Ribadeo.