O rexedor dixo: “quero dar conta deste suceso fatal e desgraciado, esta morte por un accidente, que se produciu na praia das Catedrais hoxe, sábado, aproximadamente á unha da tarde, cando una parella de xente nova, de Valladolid, entraron nunha cova e unha pedra caeulle a unha rapaza, que faleceu. Aínda que nas inmediacións había uns médicos, que se achegaron alí para reanimala, e tamén con moita celeridade a ambulancia, Garda Civil, Protección Civil, Policía Local, os bombeiros, todos acudiron con dilixencia, pero foi imposible facer nada pola vida desta rapaza. É unha traxedia e unha desgraza”.

Suárez Barcia relatou que “agora a Garda Civil deixou a praia cortada. Hai que ter en conta que toda esta tarde é preamar e polo tanto é imposible acceder a este areal. E mañá sobre as once da mañá vaise facer unha revisión e unha inspección do lugar dos feitos por parte da Garda Civil e da Xunta de Galicia”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “nosoutros desde o Concello, igual que a Xunta, estivemos en contacto cos familiares desta rapaza, que ademais neste momento non se atopaban no Estado, estaban en Alemaña, e están vindo para aquí porque o corpo foi trasladado ao Hospital de Lugo para facerlle a autopsia mañá pola mañá. Desde o Concello e desde a Xunta estivemos en contacto estreito cos familiares, coa súa parella, que está tal e como se pode un imaxinar totalmente conmocionado, e tamén estivemos en contacto telefónico cos pais permanentemente para axudar no que poidamos desde estas administracións”.