Suárez Barcia sinalou que “hai unha circunstancia controvertida en Ribadeo coa falla de contestación por  parte do Ministerio de Fomento a este acordo, que os portavoces municipais lle fixemos chegar hai uns meses antes do cambio de goberno, sobre a circunvalación e este acceso previsto e que de maneira insensata e sen moita xustificación o propio ministerio decidiu anular. O goberno do Estado iniciaba despois un procedemento de reversión dos bens expropiados a moitos dos particulares demándandolles a devolución do diñeiro que inicialmente lles entregaron por esta operación”.

O rexedor dixo que “desde o Concello sempre vimos esta actuación como inédita en todo Estado. Ese acceso, non sendo a mellor solución posible, era unha saída razonable para que o tráfico das parroquias do interior puidera acceder á circunvalación a través da propia resolución plantexada no seu momento o Ministerio de Fomento. Naquel momento non se fixo e segue sen facerse e a día de hoxe Fomento aínda non nos contestou”. E engadiu que “agora veño de dirixirme á ministra Ana Pastor, cos mesmos argumentos e co mesmo escrito asinado hai uns meses polos portavoces municipais, para que se manteña a suspensión deste procedemento de desafectación dos bens e dereitos desta expropiación e que se paralice o trámite de requerimento aos veciños afectados para a devolución dos importes recibidos como depósitos previos en tanto non se resolva o asunto principal”.

Fernando Suárez lembrou que “o asunto principal é que se chegue a facer ese acceso á circunvalación por parte de quen corresponde que é o Ministerio de Fomento. Non ten sentido que inicien a devolución de algo que inicialmente expropiaron para que dentro dun tempo se inicie novamente a súa expropiación. Parécenos de xustiza e de razón que o Ministerio de Fomento lle conteste a esta petición que unánimemente lle estamos a facer desde Concello todos os grupos da Corporación Municipal. Agora o goberno do Estado cambiou, hai novos ministros e novos técnicos, pero o problema de Ribadeo segue enriba da mesa e ademáis Facenda estálles a pedir a moitos destes expropiados que devolvan cantidades que o propio Estado lles expropiou e lles anticipou o pago”.