Aberto o prazo de inscrición para participar no Mercado de Nadal, que organiza o Concello de Ribadeo e que se celebrará do 30 de novembro ao 8 de decembro.
A Concellaría de Promoción Económica, Iniciativa Empresarial, Turismo e Comercio organiza o XIX Mercado de Nadal, que terá lugar do 30 de novembro ao 8 de decembro de 2024. O prazo de inscrición para participar está aberto ata o 8 de novembro.
A edil de Comercio, Marta Saiz, manifestou que “xa estamos ás portas do Nadal e unha das citas referentes desas datas en Ribadeo é o seu singular e tradicional Mercado de Nadal, un mercado que ten moi boa acollida polo público, sendo xa un referente na zona. E por iso é un espazo perfecto para que os profesionais da artesanía, o deseño e a gastronomía dean a coñecer o seu traballo e talento creativo e innovador”.
A concelleira ribadense explicou que “nesta edición o Mercado levarase a cabo nas inmediacións do Parque San Francisco, onde se colocarán 25 casetas nas que se poderán atopar principalmente creacións de proximidade, onde se valorará especialmente a orixinalidade e a sostibilidade”.
Saiz indicou que “o prazo de inscrición está aberto ata o día 8 de novembro e as solicitudes deben facerse ou ben por Sede Electrónica ou presencialmente a través do rexistro do Concello. Calquera consulta ou aclaración poderá realizarse no servizo de ADL no Concello de Ribadeo ou no teléfono 982 128 650”.
As bases poden consultarse na Sede Electrónica do Concello (https://ribadeo.sedelectronica.gal)