O alcalde, Fernando Suárez, lembra que “xa todos os voceiros pactamos no seu momento dividir a metade desa cantidade entre a vila e as parroquias. Para ir gañando tempo, dado que estes proxectos hainos que mandar canto antes para que sexan avaliados polo ministerio que ten que dar a súa conformidade, decidimos xa darlle para adiante a unha primeira remesa de proxectos que lle afectan ao ámbito urbano e nos vindeiros días faremos o propio co medio rural”. O rexedor engade que “unha vez elaboradas as memorias e os proxectos vemos que entraron moitos dos que os voceiros propuxeron, pero non todos como nos gustaría porque as cantidades económicas moitas veces se elevan ata un punto que fai inviable meter todos os proxectos. Con todo eu creo que se vai dar un impulso ao ámbito urbano sobre todo na rehabilitación e modernización de espazos que estaban moi degradados”.
As obras propostas son: a construcción da rede de abastecemento de auga potable ao parque empresarial “que era a parte que quedaba por facer ao Concello”, segundo explica Fernando Suárez. A adecuación, mellora e rehabilitación de espazos públicos no entorno dos colexios e centros de ensino “tanto na Avenida de Luarca á que boa falla de facía coma na rúa Traseira e Julio Lazúrtegui onde se realizá unha mellora importante que irá engadida ao que se fará en breve en Carlos III”. Acometeránse obras en rúas e espazos urbanos como a adecuación, mellora e rehabilitación da rúa Camilo Barcia “que está ubicada entre Calvo-Sotelo e Rosalía de Castro e que se atopa moi deteriorada”, realizaránse obras nunha travesía moi pequeniña situada entre San Lázaro e Pintor Fierros e melloras no entorno da zona de Alza, Recarey e Irmáns Moreno Ulloa así coma na explanada da Praza de Abastos “tanto na zona norte coma na zona sur”. Dentro dese fondo estatal de inversións o Concello de Ribadeo prevé realizar actuacións no ámbito da xestión dos residuos sólidos urbanos “creando unha serie de isletas con cubrecontenedores que disimulen o impacto visual porque os que hai afean o entorno. Non chegarán para toda a vila, pero sí para as zonas máis transitadas e máis importantes”, segue a contar o alcalde ribadense. E tamén está prevista unha partida para a rehabilitación do Auditorio Municipal Hernán Naval que ten serios problemas de humidades.
En total estas obras suporán un custe de 832.000 euros. Fernando Suárez di que “os técnicos estiman que se daría traballo a unhas 20 persoas por parte das empresas que executen estas obras no seu momento, que deberán estar adxudicadas e en funcionamento antes de abril de 2009”. O alcalde destaca que “estes proxectos recollen as propostas plantexadas por UPRI, PSOE, PP e BNG e quero suliñar a unanimidade entre os grupos de Ribadeo para ben dos intereses dos veciños do noso concello”.